Visitas didácticas | Curso 2022-2023

Durante o curso escolar, a Cidade da Cultura oferta un completo programa de visitas didácticas presenciais en diferentes quendas horarias a escoller. As grandes exposicións temporais do Museo Centro Gaiás protagonizan esta oferta educativa para os centros de ensino, no que non faltan tampouco os percorridos comentados para coñecer a arquitectura e a contorna natural do Gaiás, que se poden reservar durante todo o curso escolar.

Visita á exposición Camiños creativos

  • Datas: Do 10 de novembro 2022 ao 31 de marzo 2023
  • Niveis educativos: Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
  • Duración da visita: 60 minutos

Que teñen en común a obra de Maruja Mallo e a de John Constable? En que se parece un Turner a unha performance de Marina Abramovich? Que quere contarnos Cartier Bresson nas súas míticas fotografías? Nesta visita descubriremos como o desprazamento é un elemento creativo común para estes célebres artistas. 

Camiños creativos nace dun intento de explorar cal é a relación entre a arte e o movemento e, máis concretamente, cales son as dinámicas entre estes dous conceptos: como o desprazamento se integra como axente determinante no proceso artístico (camiñar para crear, camiñar e crear, crear camiñando ou crear porque se camiña). Nós tamén camiñaremos co alumnado durante a visita, emulando os e as artistas da mostra, empregando esta práctica para espremer toda a nosa creatividade mentres coñecemos unha das mais importantes exposicións que se poderá ver en Galicia este inverno e comezo de primavera.

Visita á exposición De lugares e cousas. Colección de Arte Banco Sabadell

  • Datas: do 18 de outubro 2022 ao 14 de abril 2023
  • Niveis educativos: Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
  • Duración da visita: 60 minutos

De lugares e cousas é unha exposición da colección de arte contemporánea do Banco Sabadell onde o alumnado descubrirá autores de primeira orde do panorama internacional, nacional e galego como Tàpies, Chillida, Esther Ferrer, Antón Patiño e Cristina Iglesias entre outros. Pintura, escultura, instalación, fotografía e vídeo-arte vanlles axudar aos rapaces e rapazas a entender a arte dun xeito lúdico e a rachar con falsos clixés reconvertidos nas recorrentes preguntas-acusacións: Por que un cativo de cinco anos non puido ter feito isto? Estanme a tomar o pelo? Será toda unha oportunidade de facerlle perder o medo á arte contemporánea ás xeracións máis novas.

Visita á exposición Detrás do espello. Galicia na obra de autores foráneos do XX

  1. Datas: do 7 de marzo ao 9 de xuño de 2023
  2. Niveis educativos: Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade 
  3. Duración da visita: 50 min

Como nos ve a xente de fóra? Estades orgullosos de ser galegos e galegas? Esta exposición proponnos unha ollada diferente de Galicia a través de recoñecidos nomes da literatura, as artes plásticas, a fotografía, o cinema, a ciencia e o pensamento, que desde diferentes recantos do mundo ollaron e afondaron na realidade galega, ou se deixaron inspirar por esta terra para imaxinar novas realidades. Esta mostra recolle así testemuñas que abranguen desde Gabriel García Márquez a Albert Einstein, Ruth Matilda Anderson, Miles Davis, Luis Buñuel, Isabel Coixet, Julio Cortázar, José Luis Cuerda, ou Federico García Lorca, entre outros.

Visita Gaiás: arquitectura e natureza

  • Visita dispoñible todo o ano
  • Niveis educativos: Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
  • Duración aproximada: 50 minutos

Familiarizar á comunidade educativa co apaixonante mundo da arquitectura é o obxectivo principal destas visitas educativas. Descifraremos o código destes edificios a través dun percorrido ideado para profundar no proxecto construtivo de Peter Eisenman e a súa relación coa contorna paisaxística e natural na que se atopa. A visita inclúe a análise das maquetas da Cidade da Cultura, o vestíbulo do Museo Centro Gaiás, o Xardín Literario coas súas espectaculares vistas sobre a cidade de Santiago, o edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia e as Torres Hejduk dende o exterior.

VISITAS 1º trimestre curso 22-23 (actualmente non dispoñibles)

Visita á exposición Foi un home. Laxeiro en América

[29 de setembro - 18 de decembro de 2022] Unha exposición sobre o universo artístico do xenial pintor da vangarda galega, José Otero Abeledo, mais coñecido como Laxeiro. O satírico, o grotesco e o esperpéntico están presentes no seu particular trasmundo e imaxinario, un universo de carautas, cabezudos e trasnos poboada da caterva de seres estraños que habitan na fascinante obra de Laxeiro.