Visitas comentadas | «Santa», de Francisco Asorey

Descubre polo miúdo, e da man do equipo de Educación do Museo Centro Gaiás, a historia da Santa, a emblemática escultura realizada por Francisco Asorey en 1926, que un século despois se exhibe na Cidade da Cultura tras o seu regreso definitivo a Galicia tras máis de sete décadas en Montevideo. Nesta breve visita guiada poderás achegarte a unha das obras clave da arte galega do pasado século e tamén da traxectoria do escultor cambadés. 

A Santa foi presentada por Asorey na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid en 1926, provocando un intenso debate artístico e social. Realizada en madeira policromada e de case dous metros de altura, a escultura causou gran sorpresa pola súa representación dunha labrega galega cun corpo espido marcado polo duro traballo –nunha imaxe moi afastada da figura feminina idealizada que predominaba na arte de principios do século XX– e portando ademais un xugo de vacas, o que potencia a mensaxe de traballo e sometemento. 

Santa sería cualificada na prensa da época como “dun realismo cru, brutal”; “dunha orixinalidade, atrevemento e beleza que só un artista de excepcionais facultades pode concibir e executar”, ou “a obra máis orixinal, máis dotada de virtualidade estética e de resistente valía que hai na Exposición Nacional”. Malia que Asorey levaría a primeira medalla daquela Exposición Nacional con outra grande obra, San Francisco, anos despois —nunha entrevista á prensa en 1956—, o escultor cambadés definiría a Santa como a escultura da que se atopaba “máis satisfeito”. A peza foi adquirida en 1951 pola colectividade galega emigrante en Montevideo, converténdose tamén nun símbolo da memoria da emigración galega no Uruguai. Actualmente, forma parte do patrimonio público da nosa Comunidade, ao ser adquirida polo Goberno galego no marco do proceso concursal da Casa de Galicia en Montevideo.

Actualmente, pode visitarse no andar principal do Museo Centro Gaiás en diálogo directo con outras emblemáticas obras: o mural de Urbano Lugrís Translación do corpo do Apóstolo a Santiago ou o realizado por Luís Seoane na década dos 70 para a fábrica de Porcelanas da Magdalena, que el mesmo fundara na Arxentina.

Información sobre a visita

  • A Santa pode visitarse por libre no andar principal do Museo Centro Gaiás, no horario de apertura do recinto (de luns a venres, de 10.00 a 20.00 horas
  • As visitas comentadas á obra son de balde, con reserva previa: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade. Tamén podes reservar directamente no Punto de información do Museo.
  • Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
  • Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.