Visitas comentadas | Outras historias posibles

Reserva unha das visitas comentadas gratuítas á exposición Outras historias posibles para afondar, coa guía do persoal especializado do Museo Centro Gaiás, na traxectoria vital e profesional de 6 artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron especialmente na década dos 80 do pasado século. Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré son as protagonistas dunha exposición que celebra a diversidade do talento.

Nesta visita comentada poderás coñecer realidades que permaneceron ocultas e influíron no devir creativo de cada unha destas mulleres reais e extraordinarias. Unha visión que abarca tanto aspectos do cotián e do privado como unha nova contextualización da súa obra na historia da arte contemporánea galega e internacional, co obxectivo de sumar novas olladas diversas e enriquecedoras ao relato hexemónico (e predominantemente masculino).

A exposición está comisariada pola docente e investigadora da Universidade de Vigo, Susana Cendán, e componse dunha selección de pinturas, esculturas, xilografías, catálogos e revistas de diferentes épocas que forman un conxunto o suficientemente amplo e representativo da traxectoria artística de cada unha destas seis creadoras.

Información a ter en conta

  • De balde
  • As visitas comentadas precisan reserva previa: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade. Tamén podes reservar directamente no Punto de información do Museo.
  • Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
  • A exposición pode tamén visitarse por libre, sen guía, sen necesidade de reserva previa.
  • Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.