Mergúllate no diálogo fotográfico entre pasado e presente que propón a exposición O Camiño Portugués: lembranzas de mar e pedra reservando praza para as nosas visitas comentadas (podes comprobar dispoñibilidade na columna da dereita da páxina).
Percorre da man do equipo de guías do Museo Gaiás as realidades e paisaxes que conforman o itinerario do Camiño Portugués de Porto a Santiago de Compostela. A vida nas prazas das aldeas, a natureza, o mar e a terra, os monumentos e as escenas cotiás que foron inmortalizadas en séculos pasados volven ser motivo de inspiración baixo unha nova ollada nun proxecto que nos brinda a oportunidade de reflexionar sobre o que permanece inmutable e o que se transforma, construíndo unha memoria colectiva do camiño accesible a todas e todos.
En 120 fotografías e a través da ollada de 42 fotógrafos e fotógrafas, a mostra aproxímase á riqueza paisaxística e monumental deste itinerario histórico para facernos novamente conscientes do seu valor patrimonial e convidarnos a redescubrilo cos ollos de quen o mira por primeira vez. Grandes figuras da arte fotográfica a ambas beiras do Miño e artistas de procedencias diversas que transitaron por este sendeiro préstannos os seus ollos e as súas impresións para que nos embebamos das imaxes e das emocións que asaltan a quen visita cada un deses lugares e as poidamos vestir como unha segunda pel.
Seguridade covid-19
- Xel hidroalcólico á entrada e á saída da exposición
- Obrigatorio o uso da máscara durante toda a visita
- Mantemento a distancia de 1,5 metros entre as/os visitantes non conviventes
