Un océano de historias: navegando o Pacífico | Visitas especiais #GaiásInspira

Atrévete a cruzar o maior océano do planeta sen saír do Museo Gaiás! No programa de visitas especiais Un océano de historias: navegando o Pacífico  exploraremos as culturas de Oceanía a través dos seus relatos, dos seus símbolos e das súas tradicións.

Moais para lembrar os devanceiros, árbores que naceron de caveiras, roupas de guerreiros danzantes, redes de pesca tecidas con cabelo humano, armaduras de dentes de tiburón e fibra de coco... A través dalgunhas das pezas máis destacadas da exposición Voces do Pacífico. Innovación e tradición, estas visitas convídante a navegar de Rapa Nui a Papúa Nova Guinea para descubrir a extraordinaria diversidade das culturas oceánicas: onde cada peza agocha unha historia, e cada historia abre novas conexións culturais.

Gaiás inspira

Esta actividade encádrase na liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes accións divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.

Información a ter en conta

  • A primeira quenda de visita desenvolverase o sábado 20 de xuño ás 12:00 e ás 17:00 horas. A partir dese día, as visitas prográmanse os sábados ás 17:00 e os domingos ás 12:00 horas
  • De balde, previa reserva de praza nesta web
  • Se as prazas están esgotadas, recomendamos consultar na véspera: de haber anulacións, as quendas dispoñibles publicaranse de xeito automático
  • Se non vas poder asistir, lembra cancelar a túa reserva con suficiente tempo de antelación para que outras persoas poidan gozar de dita praza
  • Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
  • Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal guía da visita.
  • A exposición conta ademais cun programa de visitas regulares. Máis información e reserva de praza premendo AQUÍ
  • Tamén pode visitarse por libre, co apoio da nosa audioguía. Preme para escoitala no idioma correspondente: Audioguía GAL | Audioguía ES.