Semana contra a violencia machista 2022

Un ano máis, a Cidade da Cultura súmase á reivindicación do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra o 25 de novembro, cunha programación dirixida a todos os públicos e pensada para rachar cos roles de xénero, favorecer a construción de relacións sas en igualdade, e axudar a detectar e combater as violencias que sofren as mulleres en todo o mundo.

Do 22 ao 26 de novembro, a Cidade da Cultura ten programadas tres actividades para afondar nos avances da loita do feminismo a favor da igualdade, desmontar mitos e falsas crenzas normalizadas e sensibilizar á poboación sobre a prevención da violencia de xénero, facendo especial fincapé na detección dos machismos que nos acompañan no día a día.

22 Nov: Seguridade violeta

Arrincamos a semana cun obradoiro que busca facernos reflexionar sobre a maneira na que nos relacionamos con outras persoas, tomando conciencia sobre comportamentos, actitudes e expresións que en moitos casos agochan violencias ou posturas machistas non sempre fáciles de detectar. Dirixido a estudantes de ensino secundario, 'Seguridade violeta' procura, a través do debate e a participación activa, contribuír á construción de vínculos sans entre as e os adolescentes, desbotando condutas nocivas e prexuízos.

Ademais, o alumnado deseñará cartaces revindicativos ao redor de diferentes temáticas relacionadas coa igualdade: a corresponsabilidade nos traballos da casa e os coidados, a brecha salarial de xénero, as violencias machistas e machismos invisibilizados, etc. Con eles elaboraremos un mosaico pola igualdade.

'Seguridade violeta' terá lugar o 22 de novembro na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. A actividade desenvolverase en dúas sesións de 120 minutos de duración cada unha, ás 10,00 e ás 12,00 horas, cun máximo de 50 estudantes por quenda.

O profesorado e centros de ensino interesados en participar neste obradoiro poden reservar a súa quenda escribindo ao enderezo de correo electrónico visitas @cidadedacultura.org. Serán asignadas por orde de solicitude.

25 Nov: Punto de información e Presentación de «Agora que cala a noite»

O propio 25 de novembro poñemos en marcha un espazo para a divulgación e a concienciación sobre as violencias machistas. Situado no Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás, este punto informativo é un lugar para dialogar e compartir experiencias, pero tamén para coñecer o impacto de todas aquelas accións que menoscaban a dignidade, a estima e a integridade física e mental das mulleres e nenas.

Estará aberto de 16 a 20 horas e contará cun espazo expositivo e diversas actividades, de acceso libre e gratuíto, enfocadas na sensibilización da cidadanía en relación á eliminación da violencia contra a muller.

Ademais, ás 20 horas no Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca de Galicia terá lugar a presentación do libro Agora que cala a noite, de Elba Pedrosa. A publicación reúne en tres relatos que se entrecruzan as voces de mulleres que berran, que se expresan, que se queixan e que se liberan, plantándolle cara á violencia machista en todas as súas facetas. A autora estará acompañada na presentación polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella. O acto, aberto ao público xeral, contará ademais coa actuación dun dúo de danza contemporánea. 

26 Nov: Festexando a igualdade

Rematamos a programación da Semana contra a violencia machista con 'Festexando a igualdade', un xogo en familia que nos levará a descubrir as contribucións da loita feminista no desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Equipas formadas por persoas adultas e cativada deberán superar xuntas un conxunto de probas cunha meta común: a igualdade.

Os participantes formarán equipos de 5 persoas, integrados tanto por adultos como por cativada, e disporán de aproximadamente tres horas na tarde do sábado 26 de novembro —de 17 a 20 h— para realizar o percorrido marcado no andar -1 do Museo Centro Gaiás e completar cada un dos retos e xogos desta singular xincana que promove, dunha maneira diferente e divertida, valores como a sororidade e a corresponsabilidade.

Para participar en 'Festexando a igualdade' é necesario inscribirse, de balde, no apartado 'Reservas' na columna dereita. Cada reserva debe incluír como mínimo 1 persoa adulta + 1 nena/o (a partir de 3 anos de idade), e ata un máximo 5 persoas. As prazas son limitadas.