SINTE. Foro internacional de arte e cultura dixital | «Cando todo muda»

Arte, creación e novas tecnoloxías. Novos públicos, algoritmos e un espazo sen territorio

Que é a cultura cando todo muda?

SINTE nace como un espazo de pensamento e diálogo ao redor da creación dixital contemporánea, os seus retos e oportunidades. O 20 e 21 de novembro, a primeira edición deste Foro Internacional de Arte e Cultura Dixital reúne en Santiago de Compostela algunhas das voces máis recoñecidas do momento neste ámbito.

Artistas, estudios, especialistas en xestión cultural e representantes dalgúns dos espazos de exhibición máis dinámicos e innovadores achegarán no Gaiás a súa visión sobre o presente e o futuro da arte e das industrias creativas nun contexto onde as transformacións tecnolóxicas están a exercer unha presión inusitada sobre o campo cultural, os consensos das últimas décadas semellan esgotarse, e onde emerxe unha nova arte dixitalizada e, con ela, novos coñecementos e novos interrogantes.

Nun momento onde os espazos son definitivamente híbridos, onde a distribución instantánea e os algoritmos loitan pola nosa atención e onde tecnoloxía e públicos condicionan a obra, SINTE procura respostas: que é a cultura cando todo muda?

>>Preme AQUÍ para descargar en pdf o PROGRAMA completo<<

>>Preme AQUÍ para reservar a túa praza de balde<<

Destacadas voces da creación dixital

O foro arrinca cunha conferencia plenaria do cofundador e director de Ouchhh studio, Ferdi Alici, figura de referencia mundial no eido da arte dixital que asinou instalacións para institucións, museos e empresas como o Gran Museo Exipcio no Cairo, o Museo Mori de Toquio, Google, Nike, Audi a NASA ou o CERN, entre outros. A continuación, será a quenda de Bani Brusadin, comisario de programación de Medialab Matadero, un dos espazos culturais máis dinámicos e innovadores de España no eido da creación contemporánea.

O estudio italiano fuse*, axente imprescindible na escena internacional da arte dixital actual, será o protagonista doutra das conferencias plenarias do encontro, compartindo co público o proceso creativo dunha das súas pezas máis emblemáticas: Onirica (). Trátase dunha obra audiovisual que explora a dimensión dos soños mediante algoritmos capaces de traducir a imaxes os relatos das visións nocturnas de preto de 30.000 persoas, afondando así no uso expresivo dos modelos xerativos, intelixencias artificiais e algoritmos.

SINTE abrirá tamén un espazo para experimentar en primeira persoa propostas de referencia internacional na arte dixital contemporánea. Por unha banda, cunha dobre función do coreógrafo e bailarín xaponés Hiroaki Umeda, unha das principais figuras da escena de vangarda no país nipón. Por outra, poderá verse por vez primeira en Galicia Materia, un dos espectáculos con visuais en directo do artista bretón Maotik, que fusiona arte e ciencia nunha peza onde as imaxes xerativas e o deseño de son se sincronizan e manipulan en directo evocando as transición dun estado a outro da materia.

Completan o programa catro mesas redondas nas que participan destacadas figuras procedentes do ámbito artístico e creativo, pero tamén da empresa, da xestión cultural, ou o eido curatorial.

Xoves 20 de novembro 2025

10.00 – 10.30 h. | Recepción de participantes

10.30 – 11.00 h. | Benvida institucional

11.00 – 12.00 h. | Conferencia plenaria de Ferdi Alici, cofundador e director de Ouchhh Studio

12.00 - 12.30 h. | Pausa café

12.30 – 13.30 h. | Hipervisible e invisible. Produción cultural e imaxinarios tecnolóxicos nun momento de transición | Conferencia de Bani Brusadin, comisario de programación de Medialab Matadero

13.30 – 14.30 h. | Galicia dixital | Mesa redonda con: Manuel Meijide, director e fundador de Mundos Digitales Transmedia; Cora Novoa, produtora musical e DJ; Manuel Viqueira, director, guionista e animador; Fátima María García Doval, xefa do servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e Carlos Seijo, co-director do estudio Maxina. Conduce: Tamara Montero, xornalista

14.30 – 16.00 h. | Pausa xantar

16.00 – 17.00 h. | Desbordar o espazo. Que pode ser un espazo cultural hoxe? | Conversa con Luís Fernandes, director do espazo cultural Gnration (Braga)

17.00 – 18.30 h. | Cando todo muda | Mesa redonda con: Mónica Rikić, artista electrónica e programadora creativa; Elena Neira, docente, investigadora e escritora; e José Luis Romo, director artístico de Matadero Madrid. Conduce: Miguel Ángel Cajigal, historiador da arte e divulgador cultural

18.30 - 19.30 h. | Materia | AV Live con Maotik e conversa posterior con Xulio Vázquez, coordinador de SINTE

Venres 21 de novembro 2025

11.00 – 12.00 h. | Onírica () | Conferencia de Filippo Aldovini e Matteo Salsi, de fuse* studio

12.00 – 12.30 h. | Pausa Café

12.30 – 14.00 h. | A creatividade na era da emoción mediada | Mesa redonda con Miguel Espada, cofundador de EspadaySantacruz e SpecialGuestX; Diego Avendaño, fundador de Avestudio; Javier Mujica e Laura Gabriela Martínez, director e produtora de Vitamin Studio; e Pier Concari, Concept Development & Client Success Manager en Trison. Conduce: Maya Pixelskaya, presentadora e divulgadora

14.00 – 16.00 h. | Pausa xantar

14.00 – 15.00 h. | Visita ao Centro de Artes Dixitais (segundo quendas asignadas)

16.00 – 18.00 h. | Futuro presente [3 miradas] | Mesa redonda con Pablo de Soto, comisario, investigador, docente e xestor cultural; Bani Brusadin, comisario de Medialab Matadero; e Ingrid Guardiola, docente, ensaísta, produtora e realizadora audiovisual. Conduce: Marisol Salanova, comisaria e crítica de arte e Xulio Vázquez, coordinador de Sinte

18.30 – 19.00 h. | While going to a condition, de Hiroaki Umeda (segundo quendas asignadas)

19.30 – 20.00 h. | Intensional Particle, de Hiroaki Umeda (segundo quendas asignadas)