Imposible imaxinar Compostela sen os sons hipnóticos das badaladas da Torre do Reloxo da catedral de Santiago ou sen caer en onomatopeas de admiración ante a fascinante tripla escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego. Ambas son obras de Domingo de Andrade, a quen se lle dedica este ano o Día das Artes (1 de abril).
Pero o seu legado é máis amplo, aínda que igual de interesante. Miguel Ángel Cajigal (@elbarroquista) —un dos nosos compañeiros do Servizo de Educación, Mediación, Información e Asistencia ao público do Museo Centro Gaiás— revelounos pola canle de Twitter da Cidade da Cultura dez descubertas sorprendentes en 21 chíos, grazas aos coñecementos que compartiu con el unha das persoas que máis ten investigado sobre este referente da arquitectura barroca, o historiador da USC Miguel Taín.
- Velaquí chos deixamos: bit.ly/FíoTwitterDomingodeAndrade_DíadasArtesGalegas
21 CHÍOS PARA DEZ DESCUBERTAS
Descubrimos a Domingo de Andrade: magnífico arquitecto barroco galego e homenaxeado hoxe no #DíaDasArtesGalegas. E facémolo coa colaboración de Miguel Ángel Cagijal ( @elbarroquista) e do profesor e historiador Miguel Taín da Universidade da USC.
Imos ver DEZ cousas interesantes sobre Andrade que é probable que non saibas del. Porque inda que é un arquitecto ben coñecido en Galicia, seguramente merece todo recoñecemento por ser un dos arquitectos máis importantes do seu tempo.
Inda que normalmente asociamos a Domingo de Andrade con Compostela, realmente naceu en Cee en 1639 e a súa nai morreu cando tiña dez anos. O seu nacemento conmemórase na súa vila natal cun monumento de pedra dende 1990.
Coma o seu irmán maior, foi ordenado crego. Pero a primeira sorpresa é que con vinte anos ten un fillo con Isabel de Areas, veciña de Corcubión, coa que vai casar tres anos despois. Parece que triunfou o amor entre veciños da mesma ría...
No mesmo ano do seu casamento ingresa nos obradoiros da catedral de Santiago, edificio co que vai estar vencellado profesionalmente durante case toda a súa vida. A obra compostelá máis destacada de Andrade será a famosísima Torre do Reloxo.
O coñecido reloxo non só forma parte da catedral, senón que marcaba o ritmo de toda Compostela. A xente ordenaba a súa vida con él e as clases da Universidade comezaban e remataban coas súas badaladas.
Seguramente moita xente descoñece que esta torre tamén é un faro xacobeo para guiar os e as peregrinos. Na parte superior ten unha enorme farola que se acende todos os Anos Santos e servía para sinalar a Fin do Camiño durante as noites.
Esta luz sobre a catedral foi un xeito moi barroco de lembrar as luces que, segundo a tradición, guiaron a Pelagio a atopar a tumba de Santiago. Todavía hoxe na sinalización oficial do Camiño perdura esta idea da luz que se espalla guiando a quen fai a peregrinación.
Andrade tivo moitos fillos (máis de dez!), a maioría acabaron en conventos e mosteiros de toda Galicia. Coa súa boa posición profesional, en Compostela apadriñou a moreas de cativos, fillos e fillas dos canteiros que traballaban na cidade.
Semella que cumpriu ben como padriño. Pagou os estudos a Domingo Nicola, orfo de pais asturianos, ao que mantivo ata que o mozo ingresou como franciscano na Coruña. O rapaz donou os seus bens a Andrade en agradecemento, pero este retornoullos no seu testamento.
Tanto no seu traballo na catedral como nas numerosas casas que construiu por toda Compostela, Andrade ateigou a cidade de froitas e flores de pedra. Esta decoración recordaba os adornos e colgaduras que se colocaban nas fachadas nas procesións e días de festa.
Hai que lembrar que Andrade formouse traballando a madeira e construindo retablos, para despois pasarse á arquitectura de pedra. Este tipo de decoración vexetal é unha mostra da súa formación como retablista, logo traducida nos edificios de cantaría.
Andrade foi tamén responsable da escenografía urbana, pois era quen creaba, cada ano, o castelo de fogos de artificio para as festas do Apóstolo. Non sabemos como eran os fogos deseñados por Andrade, pois so conservamos os recibos dos gastos pero ningunha imaxe.
Andrade foi autor dunha obra única que segue a ser unha das súas pezas mestras: a escaleira tripla helicoidal do convento de Bonaval, hoxe no Museo do Pobo Galego. Inda que semelle alardeadora, foi unha solución práctica que permitía separar a diferentes grupos de persoas dentro do edificio.
A idea dunha escaleira de caracol múltiple foi cousa de Leonardo da Vinci. Andrade coñeceu este concepto seguramente polos tratados de Palladio e Vignola. É unha suma de practicidade e espectáculo e recorda ao famoso caracol moderno dos Museos Vaticanos.
Chegou a publicar en 1695 un libro sobre a profesión de arquitecto titulado "Excelencias, antigüedad y nobleza de la arquitectura". Esta enigmático publicación foi a primeira deste tema publicado por un arquitecto de Galicia. Como vedes, Andrade non paraba de facer cousas.
Domingo de Andrade debíalles aos libros moito do seu bo facer aos libros. Sabemos que tiña unha biblioteca excelente e na súa obra indica aqueles que cía que todo bo arquitecto debería ler. Hoxe consérvanse algúns que lle pertenceron na Biblioteca da Universidade de Santiago-USC.
Andrade foi importante para toda Galicia. Traballou, entre outros lugares, en: Ourense (capela do Santo Cristo), Tui (igrexa das Clarisas), Lugo (sancristía da catedral) e A Coruña (igrexa de San Xurxo). Así axudou a estender a estética do barroco por todo o país.
Tamén traballou nunha das igrexas barrocas máis espectaculares de España: a do mosteiro de Sobrado. Como se perdeu a documentación, non se pode concretar canto da igrexa se debe a Andrade, pero a magnificencia do edificio fai sospeitar que bastante.
O seu legado foi de gran relevancia para a arquitectura galega, xa que dous dos arquitectos máis importantes de Galicia na xeración posterior á súa foron discípulos seus: Simón Rodríguez e Fernando de Casas.
Desexamos que o percorrido pola vida e obra do homenaxeado no #DíaDasArtesGalegas vos gustase. Domingo de Andrade foi unha das grandes aportacións artísticas e arquitectónicas da historia galega. Queremos agradecer ao profesor Miguel Taín o seu asesoramento. Até a próxima!
