Outra mirada | Visita a espazos ocultos

Toda a Cidade da Cultura está atravesada por un túnel que funciona como a súa espiña dorsal e conecta os edificios por debaixo da terra. Obras de arte, libros, maquinaria e provedores de servizos de todo tipo empregan esta instalación os 365 días ao ano e precisamente por isto é un espazo que poucas veces pode descubrir o público xeral. Esta visita é unha das poucas ocasións para deixarse sorprender por esta galería de servizos nun percorrido polo Gaiás oculto: de norte a sur atravesando o subsolo da montaña.

A visita inclúe tamén a sala onde se conservan as maquetas dos proxectos presentados ao concurso público no que se definiu o deseño arquitectónico da Cidade da Cultura, e ao que concorreron arquitectos de renome internacional como Jean Nouvel, Daniel Libeskind, Rem Koolhaas ou Steven Holl.