No corazón verde do Monte Gaiás agroman as sete herbas de San Xoán e moitas outras compañeiras silvestres. Neste espazo único, onde natureza e cultura se dan a man, propoñémosvos un percorrido sensorial e simbólico para redescubrir esta tradición fondamente enraizada en Galicia. Vinde camiñar o monte connosco para identificar as herbas, coñecer o seu uso, o seu significado e a súa forza ancestral, nun diálogo co territorio e co tempo.

Unha andaina que vos servirá para prepararvos para a noite de San Xoán, unha das máis máxicas do ano, que marca o tránsito cara ao verán cando o día máis longo se funde coa noite máis feiticeira. Tres forzas primordiais únense nesta noite: o lume das cacharelas que purifica e espanta os meigallos; a auga que renova o corpo e o espírito; e a vexetación, as herbas recollidas ao luscofusco, que gardan o poder da terra e da tradición.
Non quededes sen as vosas herbas de San Xoán e aprendede a recoñecer este feixe de plantas —sete, preferentemente— que, recollidas ao solpor e deixadas a macerar nun recipiente con auga ao relento, servirán para lavar a cara e o corpo no amencer de San Xoán, nun xesto de renovación e protección fronte aos males, o meigallo ou a envexa: un acto sinxelo e poderoso, herdanza viva do noso pobo.
Outra mirada: visitas singulares ao Gaiás
Queres descubrir o Gaiás con outra mirada? O ciclo Outra mirada achéganos á arquitectura, espazos verdes e funcionamento da Cidade da Cultura cunhas visitas monográficas para afondar nun espazo diferente en cada quenda, incluíndo lugares restrinxidos ao público. Preme AQUÍ para consultar información sobre as demais visitas dispoñibles.







