Os documentos catastrais como fonte de información no marco do Proxecto de dixitalización Geoarpad e a súa disfusión a través de Galiciana. Arquivo Dixital

O Dicionario da Real Academia Española da lingua define o catastro como censo e padrón estatístico de fincas urbanas e rústicas. O proceso da súa elaboración desde os primeiros intentos desenvolvidos pola Administración do Estado durante o século XVIII ata a actualidade, pasando polas reformas dos gobernos liberais do século XIX, dá lugar a unha serie de operacións encamiñadas tanto á localización exacta dos bens obxecto do catastro no terreo, como a determinación dos valores de riqueza e produción estimados e a asignación correcta aos individuos sobre os que deberá repercutirse a carga fiscal.

Por este motivo, cada un dos documentos nos que se plasman estas operacións constitúen, non só unha fonte de especial relevancia para a administración, senón tamén para os administrados, que adoitan utilizar estes documentos como proba dos seus dereitos de propiedade ou uso.

Pero máis alá deste valor primario, a documentación catastral resulta dunha relevancia extraordinaria para abordar calquera tipo de investigación histórica, sexa no ámbito da toponimia, a xeografía ou a evolución das estruturas económicas e sociais. Así o poñen de manifesto a cantidade de estudos e publicacións que analizan a súa significación ou que utilizan estas fontes como base das súas pesquisas. Así o demostran tamén os enormes esforzos realizados por distintas administracións e institucións para a súa difusión, tanto a través da organización de exposicións e xornadas como na posta a disposición dos documentos dixitalizados a través das súas plataformas e portais.

Neste sentido debemos mencionar o monográfico que o Portal de Arquivos Españoles (Pares) dedica ao que se coñece como Catastro del Marqués de la Ensenada realizado entre os anos 1749 e 1756 en todos os territorios da Coroa de Castela. A través del pódense consultar unhas 350.000 imaxes de documentos correspondentes ás respostas dadas polas 13.000 localidades ás que se circulou a enquisa que procuraba datos sobre o nome, límites, xurisdición, fontes de riqueza dos veciños e do concello, incluíndo casas, cultivos, gandería, comercio, industria e número de contribuíntes. Nun ámbito máis próximo hai que suliñar a creación dun micrositio que da acceso á información dos anos da década de 1950 relacionada co Catastro parcelario de rústica correspondente á provincia da Coruña, dispoñible en Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia.

Con esta xornada, organizada pola Dirección Xeral de Políticas Culturais a través da Subdirección Xeral de Arquivos e Museos, quérese profundar na valoración dos documentos catastrais custodiados nos arquivos do Sistema de Arquivos da Xunta de Galicia e difundir a súa posta a disposición a través de Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia grazas, en parte, ao proceso de dixitalización que se está levando a cabo a través do Proxecto Geoarpad, enmarcado na primeira convocatoria do Programa de Cooperación Interregional V.A España_Portugal (POCTEP), cofinanciado con fondos europeos, que ten como obxectivo protexer e valorizar o patrimonio cultural e natural, como soporte de base económica da rexión transfronteiriza.

 

PROGRAMA

  • 9,00-9,15 | Presentación

Director xeral de Políticas Culturais e subdirectora xeral de Arquivos e Museos

  • 9,15-10 | Pegerto Saavedra Fernández. Universidade de Santiago de Compostela

A reforma fiscal da Única Contribución. O proceso de elaboración do Catastro de Ensenada. Documentos resultantes e valoración da súa utilización como fonte de información.

  • 10,00-10,30 | Dolores Pereira Oliveira. Arquivo Histórico Provincial de Lugo

Organización, descrición e posta a disposición dos documentos do Catastro do Marqués da Ensenada

  • 10,30-11,00 | Pausa-café
  • 11,00-11,45  | Rosa Martín Rey. Ministerio de Economía e Facenda. Xerencia Territorial do Catastro de Lugo.

O catastro en España no século XX. Documentos resultantes e valoración da súa utilización como fonte de información. Usos futuros: do documento ao dato catastral

  • 12,45-13,15 | Gabriel Quiroga Barro. Arquivo do Reino de Galicia

A xestión e posta a disposición dos documentos do catastro parcelario dos anos 50 do século XX.

  • 13,15-13,45 | Gregorio Casado González. Investigador e consultor

A utilización dos documentos catastrais como testemuño de dereitos da cidadanía

  • 13,45-14,15 | Concepción García García. Arquivo de Galicia

O Proxecto de dixitalización Geoarpad: A difusión dos documentos catastrais a través de Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia

 
Visitar
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
30 nov 2023 a 28 Abr 2024
Martes ás 17.00 horas
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h
6 Abril 2024
Ás 11.30 horas e ás 16.30 horas