A Cidade da Cultura de Galicia continúa a despregar actividades ao redor a Castelao maxistral, a exposición que permite contemplar por vez primeira en Galicia a ‘A derradeira leición do mestre’, lendario cadro visitado xa por preto de 25.000 persoas. Este programa arrancará en 2019 cunha xornada dedicada ao exilio xa que foi nesta circunstancia cando o artista de Rianxo pintou o óleo que artella o relato da mostra. Deste xeito, o 17 de xaneiro, o Museo Centro Gaiás acolle un concerto da Real Filharmonía de Galicia (RFG) —cun repertorio centrado nos países que percorreu o intelectual galeguista— e un encontro con persoas refuxiadas e exiliadas en Galicia, en colaboración con Aministía Internacional, cuxas entrada é de balde, previa inscrición na nosa páxina web.
Este recital da RFG leva por título Os camiños de Castelao e baséase nunha unha escolma de temas representativos dos diferentes países que marcaron a vida de Castelao, realizada ‘ex profeso’ polo director titular e artístico da formación, Paul Daniel. Deste xeito, e a través do repertorio escollido, os e as asistentes farán no Museo Gaiás un percorrido vital do periplo do artista galego desde Rusia, Cuba, os Estados Unidos de América e ata o exilio definitivo en Buenos Aires, a través de pezas de E. W. Korngold, Stravinsky ou Piazzolla, entre outros compositores.
Esta actuación especial —para a que xa están as entradas á venda en Ataquilla.com e no Museo Centro Gaiás— inxírese dentro do programa de actividades coas que se está a dinamizar a exposición Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra, que desde a súa inauguración, o pasado 5 de outubro, xa celebrou visitas-relatorio con especialistas na súa obra e figura —con todas as prazas cubertas— e un recital coa Coral Polifónica de Pontevedra, da que Castelao foi cantor, fundador (1925) e escenógrafo, traendo para a ocasión un pano ornamentando polo propio artista, que contadas ocasións sae do Museo de Pontevedra que o custodia.
Pór o foco no exilio para as actividades de xaneiro ten un vencello especial coa mostra, xa que A derradeira leición do mestre, homenaxe do artista de Rianxo ao seu amigo e intelectual asasinado, Alexandre Bóveda, foi pintado nestas circunstancias en Buenos Aires en 1945. Castelao asentouse na capital da Arxentina, tras un periplo por diferentes países que son os que determinan o programa do concerto escollido persoalmente polo propio Paul Daniel.
Así, en 1938, o intelectual galego realizou unha viaxe á extinguida URSS e, máis tarde, aos Estados Unidos de América e tamén a Cuba. Durante a súa presenza na illa caribeña, Castelao participou activamente nas eleccións do Centro Galego da Habana. A derrota republicana condenouno ao exilio, asentándose en Nova York, primeiro, onde publicou o álbum Milicianos e, posterior e definitivamente, en Buenos Aires (A Arxentina), onde chegou a estrear a súa peza teatral Os vellos non deben namorase.
- Paul Daniel, director
- Grigori Nedobora, violín
- James Dahlgren, concertino
PROGRAMA.
- I.
- E. W. Korngold: Much Ado About Nothing, op. 11 (suite)
- M. Quiroga:
Alborada (Orquestración Paul Daniel)
Danza arxentina (Orquestración Paul Daniel)
Emigrantes celtas (Orquestración Paul Daniel)
Himno
- D. Milhaud: Le creation du monde, op. 81
- II.
- I. Stravinsky: Suite Pulcinella (rev 1949)
- A. Piazzolla: Libertango tango