A Cidade da Cultura pon en marcha os sábados de marzo o Obradoiro de cabezudos, catro sesións nas que confeccionar estes populares personaxes pero cun deseño máis conceptual e seguindo as experiencias levadas a cabo por artistas das vangardas históricas.
Ao longo de catro sábados (3, 10, 17 e 24 de marzo) e coordinados por mestres da compañía de teatro Viravolta, os participantes nesta actividade poderán construír e decorar os seus propios bonecos. O obradoiro arrancará coa construción da base do cabezudo con caixas e cartóns, que nunha segunda fase se reforzará con papel e cola. Lista a estrutura será o momento de decorar os rasgos da cabeza a través de pinturas, papeis de cores e fotocopias de tipografías variadas. O resultado: uns cabezudos “planistas”, que parten dun novo deseño formal máis conceptual e cuxa decoración estará a cargo do artista plástico Misha Bies Golas.






