Partimos dun feito real: no ano 1880, Curros Enríquez foi denunciado polo bispo de Ourense por varios poemas do seu libro Aires da miña terra, unha das obras fundamentais do Rexurdimento Galego. A pesar do criterio contrario do fiscal, o proceso seguiu adiante e o escritor foi finalmente condenado. A partir destes feitos históricos, Cándido Pazó construíu O proceso, unha peza teatral en ton de sainete cómico que revive con humor, música e poesía este episodio pouco coñecido, abordando tamén temas sempre vixentes como a lingua, a cultura, a identidade e cuestións como o que hoxe se coñece como “lawfare”.
Tres actores e unha actriz dan vida a once personaxes distintos: figuras populares como un zapateiro, unha lavandeira, un taberneiro ou un músico militar; perfís burgueses como un boticario e a súa esposa; figuras institucionais como un crego, un bispo ou un xuíz; a figura intelectual do propio Curros Enríquez; e unha figura simbólica e poética, o “maio de flores cuberto”, dedicado á esperanza e lembrado nun dos poemas máis célebres do autor.
Diálogos áxiles e brillantes, humor, cancións, poesía e emoción combínanse nesta proposta que se presenta na Biblioteca de Galicia con motivo do Día do Teatro, achegando ao público un episodio histórico moi significativo da cultura galega.

