O Bosque do Camiño | Plantacións 2021

Fixeches o Camiño de Santiago e gustaríache que a túa experiencia deixase unha pegada máis aló do recordo persoal que levas contigo? Coincidindo co inicio do ano Xacobeo 2021, retomamos as plantacións de árbores no Bosque do Camiño, para que un ano máis este espazo verde na capital de Galicia continúe a medrar grazas á colaboración de camiñantes coma ti!

Deste xeito, a túa peregrinación terá unha conexión afectiva e respectuosa coa terra e a paisaxe que te acompañaron e acolleron en boa parte desta viaxe, e a lembranza do teu Camiño perdurará no tempo nunha contorna única, pola que discorre a Vía da Prata de modo paralelo. O Camiño seguirá na túa memoria e a túa historia na paisaxe de Compostela.

Como será a plantación?

O punto de encontro da actividade será ás 12.00 horas na entrada do Museo Centro Gaiás, desde onde camiñaremos polo Bosque de Galicia ata a zona de plantación. Durante este percorrido, explicarémosche brevemente o complexo arquitectónico deseñado por Peter Eisenman e, especialmente, as súas zonas verdes entre as que destaca o Bosque de Galicia.

É neste espazo, composto por 12.000 árbores autóctonas que compoñen o pulmón verde da Capital de Galicia, onde se sitúa o Bosque do Camiño, na aba oeste do monte Gaiás. Tamén nos achegaremos a coñecer a Vía da Prata, ruta xacobea que, no seu último tramo de entrada na cidade de Compostela, pola Calzada Real, discorre bordeando o monte Gaiás e moi próxima á zona onde medra o Bosque do Camiño. 

O Bosque do Camiño medra contigo

Esta actividade está dirixida a persoas que fixesen o Camiño de Santiago, acreditado mediante:

  • Compostela: Ter realizado un tramo do Camiño de máis de 100 quilómetros e na que se indica o motivo relixioso.
  • Certificado de Visita: Ter realizado un tramo do Camiño inferior a 100 quilómetros, ou por motivos non relixiosos.
  • Certificado deportivo: Ter realizado algún tramo desta ruta de peregrinación por motivos deportivos.

Ao inscribirte, por favor indica no campo "Observacións" a túa procedencia e o lugar onde comezaches o Camiño.