Nexos volve prestar especial atención aos máis pequenos, aos que introducirá nos diferentes aspectos da vida que se inclúen no ciclo a través de actividades lúdicas e didácticas coas que aprender xogando. Dirixida a nenos de Primaria –de 5-6 a 11-12 anos-, cada sesión artellarase baixo a fórmula: ler, facer, falar.
Programa
16 xaneiro | Do realismo no cine ao xénero documental. Nexos infantil arranca cunha sesión de cine. Primeiro, trataremos de entender a diferenza entre ficción e realidade, adoptando diferentes papeis: primeiro faremos de nós mesmos e despois encarnaremos personsaxes e descubriremos que non resultarán os mesmos comportamentos. Tras este primeiro experimento, planificaremos e realizaremos a gravación dun mini documental no que os participantes poderán entrevistarse, gravarse e preguntarse cousas. Despois da sesión, este documental será editado e enviado por mail a quen o solicite.
20 febreiro | Novisimas miradas na arquitectura galega. Mediante xogos realizaremos un achegamento á arquitectura para reflexionar entre todos para que serve. Compararemos imaxes de casas de arquitectura de todo tipo, desde a tradicional casa galega, ata casas modernas máis vangardistas e espectaculares. Logo faremos un mural con estas imaxes e con desexos, planos e debuxos das casas que nós mesmos imaxinemos. Finalmente, e a partir de materiais para reutilizar, construiremos as nosas propias maquetas ou deseños.
23 abril | Últimos días con Shakespeare e Cervantes. Os máis pequenos aproximaranse ás figuras destes dous autores universais. A través da súa vida e das súas anécdotas máis interesantes, achegarémonos as súas obras, que coñeceremos a través de dous libros galegos de banda deseñada: Romeo e Xulieta e Miguel en Cervantes de David Rubín. Despois faremos un concurso de imitación, con disfraz incluído, e por último crearemos dous murais colectivos nos que comparar as vidas dos dous autores e nos que incluiremos novos poemas artellados a partir dos seus versos.
28 maio | O Turismo: entre o parque de atraccións e as invasións bárbaras. Nexos infantil convídanos nesta sesión a ser turistas. Pensaremos en como nos comportamos cando viaxamos e no que nos gusta e nos molesta dos comportamentos dos turistas cando nos visitan. Ademais, realizaremos unha serie de murais colectivos con fotografías e datos para coñecer algunhas das cidades máis turísticas do mundo (Nova York, Venecia, Roma, París, Compostela, Madrid...). Con eles crearemos un xogo de mesa tipo Trivial co que competiremos para ver canto sabemos agora deses sitios.













