Nadal no Gaiás 2020

Este Nadal no Gaiás non queremos que se perda a ilusión por iso imos ateigar a Cidade da Cultura de moita luz, cor e cancións, de todos os estilos, pero sempre tendo en conta as festas que estamos a celebrar, na que o protagonismo volve ser para a nosa grande árbore de Nadal. Este ano manterá as súas grandes dimensións e incorporará a música e luces de cores en lámpadas colgadas das súas pólas. Isto é posible grazas á intervención da artista visual Marta Verde, quen posibilitou que nalgunha das pólas poidades ser vós os que compoñades a cor e o son da árbore con só achegarlle a luz da lanterna dun dispositivo móvil as lámpadas identificadas cun punto vermello. 

Ademais, ao ser unhas festas que dan entrada ao 2021, Ano Xacobeo, o Camiño vai ter tamén presenza simbólica no relato deste Nadal, comezando pola mesma iluminación exterior do complexo do Gaiás con referencia a Vía láctea, simboloxía tan próxima as vías xacobeas, que se completa cunha árbore lumínica no cumio do Monte Gaiás, no Bosque de Galicia, visible desde diferentes puntos do centro de Compostela.

Velaquí todo o que ides gozar neste Nadal no Gaiás:

Grande árbore de Nadal interactiva 'Stellae'
No Hall de Tirantes do Museo Gaiás
Do 18 de decembro ao 6 de xaneiro

Intervención deseñada pola prestixiosa artista visual Marta Verde que ateigou de luces de cores e música a árbore de Nadal no Gaiás a través de orixinais lámpadas colgadas nas súas pólas. Ademais, coa lanterna dos vosos móbiles ides poder xogar con algunha das lámpadas para que cambie a luz e o son que desprende. Só tedes que procurar as que teñen o punto vermello e interactuar con elas! Deste xeito, ides compor a vosa propia melodía en tempo real!

 

 

Videofelicitacións con panxoliñas
Envío a onlinecidadedacultura@gmail.com
Ata o 18 de decembro ás 14 horas

Imos lanzarvos un convite través das redes sociais da Cidade da Cultura para que a vosa cativada felicite o Nadal a través dun Canto de Reis regueifado. Os músicos Vaamonde&Romero (que darán un concerto no Nadal no Gaiás) farán unha convocatoria para que a rapazada se grave cantándoa para crear unha grande felicitación-mosaico con todos e todas para compartila nas redes.

 


Cantos de Nadal. Actuación de Vaamonde e Romero
Museo Centro Gaiás (Andar -1)
26 de decembro ás 18H
De balde con retirada de convite en ataquilla.com
Posibilidade de seguilo en streaming

Repertorio de Nadal cos seus 24 instrumentos populares galegos para interpretar cantos de nadal, panxoliñas, cantos de Reis... Un espectáculo para todas as idades, divertido e didáctico á vez, envolto no bo humor e a calidade como intérpretes que os caracteriza.

 
  

Axóuxeres e panxoliñas de Nadal | Sole Felloza & Ensemble ConcertArt
Museo Centro Gaiás (Andar -1)
28 de decembro ás 18H
De balde con retirada de convite en ataquilla.com
Posibilidade de seguilo en
streaming

Esta recoñecida e premiada narradora oral contará un conto típico de Nadal acompañada dun cuarteto de cordas que fará as delicias dos pequenos e pequenas e dos que non o son tanto.

  

 

Concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona
Museo Centro Gaiás (Andar -1 )
4 de xaneiro ás 18H
[PRAZAS ESGOTADAS]
Sígueo en streaming

Esta formación de música infantil recolle os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, dende A Carolina “rapeada” ata O Jato “rockeiro”, pasando por outros moitos temas tradicionais, todos eles moi dinámicos, coa intención de facer partícipes a todos os nenos e nenas que asistan á actuación, ateigada  de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa.

 

  

Nadal en Super8
Andar 0 do Museo Centro Gaiás

Unha viaxe audiovisual afectiva ao noso pasado a través destas fitas de cinema que permitían gravacións caseiras na casa. Na peza de 8 minutos que se proxecta recompílanse estes anaquiños entrañables de vida destas festas doutras épocas. Esta peza é proveniente do MOCA. Museo Online de Cine Autobiográfico.


 
En familia
 
17 Xuñ 2023
Ás 18.00 horas
26 Xuñ - 7 Xul // 28 Ago - 8 Set 2023
De 10.00 a 15.00 h (+servizo madruga desde as 8.00h)
28 Xuñ e 4,12, 18 Xul 2023
Ás 20.00 horas