Stellae é unha intervención deseñada pola recoñecida artista visual galega Marte Verde, quen ateigou de lámpadas a grande árbore de Nadal deseñada polo estudio Nómada. Estas lámpadas compoñen unha orixinal melodía de luces de cores e notas musicais, que teñen o atractivo engadido de que nalgunha das lámpadas das súas pólas ides poder mudar tanto a luz como a música que desprende. E como? Só con achegar a luz da lanterna do voso dispositivo móbil a aquelas que teñen un puntiño vermello. Deste xeito, cada persoa que interactúe con lámpada en cuestión vai compoñer a súa propia melodía sonora e visual en tempo real!
Vencello co Camiño de Santiago | Esta instalación evoca as estrelas que guían aos e ás camiñantes polo Camiño de Santiago. É coñecida a relación da cidade de Compostela e as rutas xacobeas coa astronomía. Sendo, segundo algunha das interpretacións, a Vía láctea o elemento que indicaba o camiño a seguir aos peregrinos/as para chegar á tumba do Apóstolo Santiago; dando nome a Compostela = Campus Stellae.
A idea desta proposta de Marta Verde é levar ese concepto de camiño, de comunicación, de interacción social --cun elemento tan simple pero tan potente como a luz-- á unha instalación fixa intervindo a árbore previamente deseñada polo estudio Nómada.
Sobre Marta Verde | Pontevedra, 1985
Artista visual e programadora creativa, licenciada en Belas Artes e especializada en Media Arts e Tecnoloxías Dixitais Aplicadas á Escena. Programadora da FabAcademy de especialización en fabricación dixital.
Desenvolve visuais, gráficos interactivos e xenerativos, dispositivos electrónicos personalizados, wearables e instalacións interactivas tanto para músicos como para compañías de teatro e danza, artistas, deseñadores, institucións, publicidade ou estudios de iluminación; sempre buscando a fusión entre arte, creatividade e tecnoloxía.
Actuou en festivais como MIRA, WOS, Sonic Arts Waterford, Nos Em D´Bandada, Seminci, Luz y Vanguardias, Keroxen, Trendelenburg, Dual Club, Transdisciplina, Suena Conde Duque, ou Retina 2019, desenvolvido no Museo Reina Sofía.
Como docente, impartiu clases, workshops e hackatones sobre interacción, tecnoloxía ou fabricación dixital en institucións como Makersof Barcelona, Fundación Telefónica, Universidade Politécnica de Madrid, IED Madrid, Makespace Madrid, Medialab-Prado ou La casa encendida.

