A Cidade da Cultura de Galicia acolle do 3 ao 4 de setembro a celebración do encontro Mulleres e Cultura Urbana, un evento impulsado por 7H Cooperativa Cultural co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 que procura fomentar o intercambio de experiencias, a creatividade colectiva e o espírito crítico na abordaxe das desigualdades de xénero no sector.
Esta segunda edición do encontro busca consolidar a iniciativa e convertela en referente iberoamericano na promoción da cultura urbana como patrimonio cultural contemporáneo desde unha perspectiva innovadora e feminista.
Mulleres e Cultura Urbana propón en 2021 dúas xornadas de análise, exhibición e creación artística colectiva en clave de xénero arredor da cultura urbana galega. O programa de actividades, dirixido tanto a profesionais do sector como a público mozo e familiar, combina propostas de experimentación creativa nos eidos do graffiti, a música, o baile e o deporte co diálogo, a reflexión e o intercambio de experiencias.
Deste xeito, o encontro ten como obxectivos:
- Propiciar a difusión de creacións culturais e artísticas ligadas á cultura urbana en Galicia.
- Darlle visibilidade á presenza da muller na cultura urbana e analizar de xeito colectivo as desigualdades de xénero presentes neste sector.
Venres 3 Set || Auditorio 1 Edificio CINC
- 18:00 a 21:00 h. Mesa redonda. Debate sobre feminismos e boas prácticas con Marina Bortoluzzi, Ninoska Juan, Maite Parga e Clara R. Cordeiro. Coa moderación de Sara Alonso. Inscricións

A primeira xornada destínase á análise colectiva das boas prácticas na organización de festivais e eventos no sector da cultura urbana coa aspiración de funcionar como un punto de encontro propositivo, como un catalizador para a reflexión e o estímulo do pensamento transformador e colaborativo.
Co fin de favorecer o intercambio de experiencias, a cooperación e a conectividade entre axentes da cultura urbana galega e doutros territorios, na mesa-redonda participan de xeito presencial as galegas Maite Parga e Clara R. Cordeiro e a través de medios virtuais a brasileira Marina Bortoluzzi e a catalá Ninoska Juan.
Coa moderación de Sara Alonso, a xornada organízase coa colaboración da Rede Iberoamericana de Arte Urbana (RIAU), conformada por entidades e profesionais procedentes de España, Portugal e América Latina que, desde novembro de 2020, traballan de forma conxunta a prol da profesionalización do sector co fin de xerar unha guía de boas prácticas que inflúa tanto nos modelos de xestión privados como nas políticas públicas culturais que inciden na área.
Co fin de ampliar a proxección e difusión da actividade, o encontro emitirase en streaming na canle de Youtube de 7H Cooperativa Cultural.
Sábado 4 Set || Xardín do Teatro || Delas Jam
- 17:00 a 21:00 h. Delas Jam + Jam de Skate + Sesión DJ con Akazie e Russinha + Concerto Menina Arroutada. Inscricións


Novidades Delas Jam
- 17:00 a 18:00 h. Obradoiro de ritmos urbanos con Jana Feeling. Inscricións
- 19:00 a 20:00 h. Experimentación libre con spray. Inscricións
Xornada para rachar clixés
Tanto desde o enfoque máis teórico e deliberativo como desde a perspectiva práctica, participativa e experimental, ambas as xornadas pretenden ofrecer unha resposta coordinada a un discurso que desdeña o rol das mulleres na cultura urbana, baixo a escusa da súa suposta inexistencia ou da igualmente falsa “menor calidade” das súas obras. Unha falacia que desde a organización denuncian que aínda é "dominante" nas instancias académicas dedicadas á investigación desta disciplina e tamén arraigada entre profesionais do sector.
A iniciativa, deseñada con perspectiva de xénero, desenvolverase cun enfoque baseado nos principios de igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, o respecto á diversidade e a diferenza, o emprego de linguaxe non sexista e coa aposta de xerar prácticas colaborativas e colectivas que promovan a democratización da expresión no espazo público.
O uso do galego, lingua vehicular do proxecto, enténdese, ademais, como acción estratéxica, debido á necesidade de incorporar o noso idioma a un eido, o da cultura urbana, tan castelanizado como emerxente.
A fin de achegar o evento a persoas que non poidan asistir presencialmente e ampliar a proxección pública e difusión do mesmo, toda a xornada será debidamente documentada audiovisualmente a fin de compartir os resultados dixitalmente, en streaming e con posterioridade.
| 359.9 KB |







