Mulleres e Cultura Urbana 2021 | Experiencias cruzadas | Faladoiros

Experiencias cruzadas | Debate sobre feminismos e boas prácticas

A primeira xornada do encontro Mulleres e Cultura Urbana destínase á análise colectiva das boas prácticas na organización de festivais e eventos no sector da cultura urbana coa aspiración de funcionar como un punto de encontro propositivo, como un catalizador para a reflexión e o estímulo do pensamento transformador e colaborativo.

Co fin de favorecer o intercambio de experiencias, a cooperación e a conectividade entre axentes da cultura urbana galega e doutros territorios, na mesa-redonda participan de xeito presencial as galegas Maite Parga e Clara R. Cordeiro e a través de medios virtuais a brasileira Marina Bortoluzzi e a catalá Ninoska Juan.

Coa moderación de Sara Alonso, a xornada organízase coa colaboración da Rede Iberoamericana de Arte Urbana (RIAU), conformada por entidades e profesionais procedentes de España, Portugal e América Latina que, desde novembro de 2020, traballan a prol da profesionalización do sector co fin de xerar unha guía de boas prácticas que inflúa tanto nos modelos de xestión privados como nas políticas públicas culturais que inciden na área.

Co fin de ampliar a proxección e difusión da actividade, o encontro emitirase en streaming na canle de Youtube de 7H Cooperativa Cultural.

Participantes

 
  • Marina Bortoluzzi (Santa Catarina, Brasil) é comisaria e investigadora en arte contemporánea. Graduada en Marketing pola Universidade do Sul de Santa Catalina e cun Mestrado en Estética e Historia da Arte pola Universidade de São Paulo, a súa experiencia máis destacada está vinculada á arte urbana, como co-fundadora e xerente de INSTAGRAFITE, o canal dixital de arte urbana máis importante a nivel mundial. Esta entidade, que xurdiu no 2011 como unha simple conta de instagram, levouna a comisariar importantes proxectos en lugares tan dispares como Brasil, Rusia, Alemaña ou Estados Unidos. Desde o 2020 comisaría tamén o Women On Walls WOW, o primeiro programa gratuito de capacitación, a escala mundial, creado exclusivamente para mulheres artistas.
  • Ninoska Juan Álvarez (Figueres, Girona) é arquitecta e mediadora comunitaria. Licenciada en Arquitectura pola Universitat Rovira i Virgili e Mestrada en Deseño de Espazos Urbanos, Arquitectura e Urbanismo pola ESdesign de Barcelona, sempre tivo interese pola arte e en especial pola arte urbana. Postgraduada en Resolución de Conflitos públicos e Mediación Comunitaria, ten máis de más de 10 años de experiencia colaborando co terceiro sector, é co-fundadora de la Fundación Contorno Urbano e dedícase a xestionar proxectos de rexeneración urbana mediante a participación social, utilizando a creatividade e as artes visuais como ferramentas de transformación. 
  •  Maite Parga (A Coruña, Galicia) é Técnica de Turismo no Concello de Carballo desde o ano 2008, desde onde coordina o Derrubando muros con pintura, unha iniciativa de arte pública promovida polo Concello que, dende 2013, pretende mellorar e embelecer e humanizar o espazo urbano rexenerando espazos deteriorados. Desde o 2015 a iniciativa tamén acolle o Rexenera Fest, un festival cheo de actividades no que se convidan artistas de renome internacional que crean as súas obras de gran formato.
  • Clara R. Cordeiro (Ourense, Galicia) é comisaria de arte e cooperativista cultural. Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, doutoranda especializada en arte contemporánea, educación e xénero e Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas. Ademais de desenvolver, desde 2008, proxectos propios no ámbito do comisariado e a xestión cultural, foi coordinadora do espazo de creación e experimentación contemporánea A Chocolataría e presidenta da Asociación Cultural [Sen Marco]. Socia promotora de 7H Cooperativa Cultural, da que actualmente é a súa presidenta, no ámbito da arte urbana destaca a súa labor de comisariado e dirección no programa Elas tamén Pintan (Premio Begoña Caamaño) e no festival feminista de arte urbana e contextual Delas Fest.

  • Sara Alonso Rodríguez (Lugo, Galicia) xornalista e cooperativista cultural. Licenciada en Xornalismo co Premio Extraordinario Fin de Carreira e mestrada en Estudos Internacionais pola Universidade de Santiago de Compostela e mestrada en Comunicación con mención en Opinión Pública pola Facultad Latinoamericana de Ciencias Sociales - FLACSO de Ecuador. Entre o 2011 e o 2012 traballou como xornalista colaboradora en El País-Galicia e en 2017  como redactora en Faro de Vigo. En 2018 foi bolseira do Departamento de Publicacións do Consello da Cultura Galega e desde o 2019 é socia traballadora e responsable da comunicación de 7H Cooperativa Cultural, onde é vicepresidenta.