Mulleres e Cultura Urbana 2021 | II Encontro de Faladoiros e Jam Artística

A Cidade da Cultura de Galicia acolle do 3 ao 4 de setembro a celebración do encontro Mulleres e Cultura Urbana,  un evento impulsado por 7H Cooperativa Cultural co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 que procura fomentar o intercambio de experiencias, a creatividade colectiva e o espírito crítico na abordaxe das desigualdades de xénero no sector.

Esta segunda edición do encontro busca consolidar a iniciativa e convertela en referente iberoamericano na promoción da cultura urbana como patrimonio cultural contemporáneo desde unha perspectiva innovadora e feminista. 

Mulleres e Cultura Urbana propón en 2021 dúas xornadas de análise, exhibición e creación artística colectiva en clave de xénero arredor da cultura urbana galega. O programa de actividades, dirixido tanto a profesionais do sector como a público mozo e familiar, combina propostas de experimentación creativa nos eidos do graffiti, a música, o baile e o deporte co diálogo, a reflexión e o intercambio de experiencias.

Deste xeito, o encontro ten como obxectivos:

  • Propiciar a difusión de creacións culturais e artísticas ligadas á cultura urbana en Galicia.
  • Darlle visibilidade á presenza da muller na cultura urbana e analizar de xeito colectivo as desigualdades de xénero presentes neste sector.
O encontro divídese en dúas xornadas que se complementan, unha de carácter teórico e formativo (o venres no Auditorio 1 Edificio CINC) e outra orientada á creación experimental e cun espírito máis lúdico (o sábado, no Xardín do Teatro).
 

Venres 3 Set || Auditorio 1 Edificio CINC 

 
  • 18:00 a 21:00 h. Mesa redonda. Debate sobre feminismos e boas prácticas con Marina Bortoluzzi, Ninoska Juan, Maite Parga e Clara R. Cordeiro. Coa moderación de Sara Alonso. Inscricións
Delas Fest Faladoiros 2020
Sesións de debate no I Encontro Mulleres e Cultura Urbana (2020 | Delas Fest) 
 
 

A primeira xornada destínase á análise colectiva das boas prácticas na organización de festivais e eventos no sector da cultura urbana coa aspiración de funcionar como un punto de encontro propositivo, como un catalizador para a reflexión e o estímulo do pensamento transformador e colaborativo.

Co fin de favorecer o intercambio de experiencias, a cooperación e a conectividade entre axentes da cultura urbana galega e doutros territorios, na mesa-redonda participan de xeito presencial as galegas Maite Parga e Clara R. Cordeiro e a través de medios virtuais a brasileira Marina Bortoluzzi e a catalá Ninoska Juan.

Coa moderación de Sara Alonso, a xornada organízase coa colaboración da Rede Iberoamericana de Arte Urbana (RIAU), conformada por entidades e profesionais procedentes de España, Portugal e América Latina que, desde novembro de 2020, traballan de forma conxunta a prol da profesionalización do sector co fin de xerar unha guía de boas prácticas que inflúa tanto nos modelos de xestión privados como nas políticas públicas culturais que inciden na área.

Co fin de ampliar a proxección e difusión da actividade, o encontro emitirase en streaming na canle de Youtube de 7H Cooperativa Cultural.

 

Sábado 4 Set || Xardín do Teatro || Delas Jam

  • 17:00 a 21:00 h. Delas Jam + Jam de Skate + Sesión DJ con Akazie e Russinha + Concerto Menina Arroutada. Inscricións 
Delas Jam 2020
 
A actividade central da xornada será a segunda edición da Delas Jam, un encontro de experimentación con spray destinado a xerar un espazo lúdico e seguro para a creación de artistas urbanas. O Xardín do Teatro do Gaiás volverá transformarse nunha pequena galería de arte ao aire libre a través da instalación efémera de superficies de papel de celofán entre as árbores, sobre as que as participantes crearán as súas pezas.
 
 
 Delas Jam Pintando 2020
  
A música tamén gañará presenza grazas á participación do combo galego de DJ Akazie e Russinha, que se encargarán de crear ambiente no recinto. Para enriquecer a programación e incorporar os deportes urbanos á mesma, contaremos en paralelo coa I Jam femenina de skate. Finalmente, a xornada despedirase no escenario do anfiteatro coa actuación de Menina Arroutada.

Novidades Delas Jam

 
Este ano a xornada de improvisación artística incorpora novas actividades, dixiridas a fomentar unha maior e máis activa participación do público e que requiren de inscrición independente.
 
  • 17:00 a 18:00 h. Obradoiro de ritmos urbanos con Jana Feeling. Inscricións
Jana Feeling, coreógrafa, mestra e bailarina especializada en Hip Hop e freestyle en danzas urbanas, imparte durante a Delas Jam un obradoiro de iniciación aos ritmos urbanos. Para maior aproveitamento da actividade, a inscrición está limitada a 10 prazas.
 
  • 19:00 a 20:00 h. Experimentación libre con spray. Inscricións
Para  experimentación co spray, tamén se habilitarán espazos de iniciación ao graffiti, nos que especialistas na disciplina darán pautas e supervisarán ás participantes que queiran aproximarse á técnica. Para tomar parte nela, cómpre realizar inscrición previa. As prazas están limitadas a 16 persoas. 
 
Igualmente, reservarase unha área para a creación colectiva onde poderán participar libremente todas as artistas que asistan á xornada. 
 

Xornada para rachar clixés 

Tanto desde o enfoque máis teórico e deliberativo como desde a perspectiva práctica, participativa e experimental, ambas as xornadas pretenden ofrecer unha resposta coordinada a un discurso que desdeña o rol das mulleres na cultura urbana, baixo a escusa da súa suposta inexistencia ou da igualmente falsa “menor calidade” das súas obras. Unha falacia que desde a organización denuncian que aínda é "dominante" nas instancias académicas dedicadas á investigación desta disciplina e tamén arraigada entre profesionais do sector.

A iniciativa, deseñada con perspectiva de xénero, desenvolverase cun enfoque baseado nos principios de igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, o respecto á diversidade e a diferenza, o emprego de linguaxe non sexista e coa aposta de xerar prácticas colaborativas e colectivas que promovan a democratización da expresión no espazo público.

O uso do galego, lingua vehicular do proxecto, enténdese, ademais, como acción estratéxica, debido á necesidade de incorporar o noso idioma a un eido, o da cultura urbana, tan castelanizado como emerxente.

A fin de achegar o evento a persoas que non poidan asistir presencialmente e ampliar a proxección pública e difusión do mesmo, toda a xornada será debidamente documentada audiovisualmente a fin de compartir os resultados dixitalmente, en streaming e con posterioridade.