Mes da ilustración na Biblioteca de Galicia | Miguel Anxo Prado

Este venres 28 de maio remata o ciclo dedicado aos ilustradores dentro da programación polo décimo aniversario da Biblioteca de Galicia coa presenza de Miguelanxo Prado.

O que é, sen lugar a dúbidas, un dos autores máis importantes da historia da banda deseñada galega, estará no Auditorio Neira Vilas da BdG para falar precisamente do proceso de creación dun cómic. Na súa charla tratará de dar a coñecer a súa persoal visión e experiencia no traballo de imaxinar e compoñer un cómic, dos pasos que un debuxante ten que dar para que unha secuencia de viñetas se convirta nunha historia atractiva para os lectores.

Director do Salón do Cómic “Viñetas desde o Atlántico” dende hai máis de 23 anos, o talento de Miguelanxo Prado no só pode desfrutarse nos seus cómics, tamén nas súas pinturas e debuxos, nas súas ilustracións ou nos seus traballos de animación. Actualmente é un dos  ilustradores galegos máis internacionais e tamén un dos máis galardoados.

A Biblioteca de Galicia pecha así este mes de maio dedicado aos autores da linguaxe visual impresa, cada vez máis presentes e demandados na cultura literaria, e que merecen o recoñecemento que tradicionalmente só se lles daba aos autores da palabra escrita.

Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958) publica as súas primeiras historietas a finais dos anos 70 en diversos fanzines galegos. Deixando atrás os seus estudos de Arquitectura, en 1980 trasladase a Barcelona. Alí colabora na revista Zero e tamén entra en contacto con Toutain Editor, que publica o seu primeiro traballo profesional, Mar de tinieblas. En 1988 comeza a traballar con Norma Editorial, na que publica Manuel Montano, con guións de Fernando Luna. Só catro anos despois edítase a súa primeira historia longa, Trazo de tiza, unhas das súas obras máis recoñecidas e premiadas. Con ela gaña en 1994 o premio á mellor obra dun autor español no Salón do Cómic de Barcelona. Ese mesmo premio xa o obtivera no 1989 con Quotidianía delirante e no 2005 volverá a conseguílo coa obra La mansión de los Pamplín. Neses anos da década do noventa e primeiros dous mil non deixa de desenvolver a súa faceta como ilustrador para libros e revistas. A eses ámbitos súmanselle ademais importantes traballos en publicidade e animación, como a creación do Xabarín da TVG e de todos os personaxes da serie Os vixilantes do Camiño. En 1998 a factoría americana Dreamworks encárgalle deseñar os personaxes da serie de animación Men in Black.

No ano 2007 chega ás salas de cine a súa película de animación De Profundis, proxecto no que estivera traballando catro anos. O filme foi candidato á mellor película de animación nos Premios Goya 2006 e no ano 2008 publícase como libro ilustrado por Norma Editorial. En 2012 sae do prelo a que será a súa novela gráfica máis ambiciosa, Alardén, unha poética reflexión sobre a memoria. Por esta obra recibe numerosos galardóns, entre eles o Premio Nacional de Cómic de 2013.

A obra de Miguelanxo Prado atópase en constante evolución. Dende os relatos de ciencia-ficcióm, aos policíacos, ou os mundos máxicos de fadas, bruxas, anxos e demonios, todos teñen cabida nas súas historias ilustradas. Presas fáciles (2016) e El pacto del letargo (2020), ambas de Norma Editorial, son os seus últimos dous cómics publicados.