Magosto no Gaiás 2019

Vinde celebrar á Cidade da Cultura o Magosto, unha das grandes festas do outono en Galicia!

Xa é toda unha tradición que festexedes no Gaiás esta cita gastronómica e musical de arraigamento na cultura popular galega, na que non faltará a degustación de castañas —asadas ou como ingrediente principal en petiscos— amenizada coa actuación dun dos gaiteiros galegos máis internacionais e experimentais: Anxo Lorenzo.

O músico e compositor de Moaña ten subido aos escenarios dos festivais máis importantes do mundo celtacomo o Intercéltico de Lorient ou de Folkherbst de Alemaña, ademais dos galegos de Ortigueira ou Pardiñas, entre outros moitos.

No Museo Centro Gaiás tedes garantidos botarvos uns bailes cos sons anovadores e de fusión deste gaiteiro, que ten colaborado con artistas e bandas folk de prestixio como Carlos Núñez ou The Chieftains, pero tamén con grupos afastados da música tradicional como Amistades Peligrosas, Marta Sánchez ou Mónica Molina, logrando unha fusión natural da gaita galega con outros estilos musicais e abrindo novos horizontes dentro da vangarda musical. Vinde comprobalo!

PROGRAMA

  • De 20:00 a 21:00 horas | Apertura de portas e degustación de castañas
  • De 21:00 a 22:30 horas | Actuación musical do gaiteiro Anxo Lorenzo