Luz na Terra: obradoiros para a cativada

O Museo Gaiás convértese nun enorme taboleiro de xogo onde a rapazada descubrirá e interpretará o mundo, experimentando con diferentes linguaxes e achegándose dun xeito lúdico á nosa historia e ao espírito aberto, integrador e científico do Seminario de Estudos Galegos. O empeño por coñecer Galicia, por divulgar a cultura e o patrimonio e a aposta pola ciencia como vía de progreso foron os sinais de identidade que un século atrás marcaron o traballo dos e das integrantes do Seminario. Este outono, cen anos despois, nenos e nenas recuperan esa mesma paixón en dous obradoiros lúdicos nos que descubrir a exposición Luz na Terra coa súa propia ollada.

O mundo invisible | De 3 a 7 anos | Reserva praza aquí

Partindo do xogo como vía de experimentación para descubrir o mundo, a Cidade da Cultura transfórmase nun gran mapa que nenos e nenas terán que interpretar. O Museo é un mundo en si mesmo, cunha linguaxe e unha xeografía propias, e a través dun divertido xogo de pistas estes investigadores miúdos e miúdas iniciarán un proceso creativo e de descuberta no que, de forma lúdica, se achegarán ás obras da exposición Luz na Terra coa mesma paixón polo coñecemento do Seminario de Estudos Galegos.

O espírito innovador | De 8 a 12 anos | Reserva praza aquí

Uns exploradores e investigadores miúdos e miúdas tratarán de entender e transmitir as súas ideas e inquedanzas sobre o mundo. Coa exposición Luz na Terra como pano de fondo, traballarán por equipos contando cun maletín de investigación expresamente concibido para este obradoiro, no que se reúnen as ferramentas de especialistas de diferentes eidos. Levarán así a cabo a súa propia xeira de estudo, experimentando con diferentes linguaxes e disciplinas e descubrindo que calquera obxecto ou territorio se pode estudar e interpretar desde múltiples perspectivas.

Corresponsables no Gaiás

Estas actividades encádranse no Plan Corresponsables posto en marcha pola Xunta de Galicia para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica, a través do convenio asinado entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Secretaría Xeral de Igualdade co financiamento do Ministerio de Igualdade.

 
En familia
 
8 de xuño de 2024
Ás 11.30 e ás 12.00 horas