Linguaxes transmedia na creación contemporánea | Faladoiros arredor de CARNE y ARENA

Concibida por Alejandro González Iñárritu, CARNE y ARENA válese de ferramentas e técnicas do cinema para, a través do emprego de tecnoloxías máis propias dos videoxogos -como a realidade virtual e a inmersión completa-, traspasar as barreiras da linguaxe cinematográfica concibindo un espazo transmedia novo. En palabras do seu director, "malia que os dous son audiovisuais, a realidade virtual é todo o que o cine non é, e viceversa; o encadre desaparece e os límites das dúas dimensións esvaécense... Durante esta experiencia, realista e irreal a un tempo, o noso cerebro e a maioría dos nosos sentidos póñense a proba. (...) Logramos crear un espazo alternativo (multinarrativo) no que camiñas a carón dos inmigrantes e dentro das súas mentes, con infinitas posibilidades e perspectivas dentro dunha extensa paisaxe, e experimentas esta viaxe nos teus propios termos".

Partindo do vencello de CARNE y ARENA con outras experiencias artísticas (fotografía, cinema, performances, instalacións...) e literarias centradas na fronteira e na experiencia migratoria, convidamos a dous especialistas en linguaxes transmedia na creación contemporánea: Anxo Abuín, profesor de Literatura Comparada na USC e investigador especializado en intermedialidade e estudos culturais, e Xosé Nogueira, doutor en Historia da Arte (Historia do Cinema), profesor titular do Departamento de Historia da Arte da USC e estudoso das mutacións e hibridacións na arte e a disolución das fronteiras na cultura audiovisual. Nun diálogo entre ambos e co público asistente, abrirán unha reflexión sobre a viabilidade dun "humanismo tecnolóxico" no que as posibilidades de simulación da realidade propiciadas pola revolución dixital se poñan ao servizo dun discurso crítico.  

Biografía de Anxo Abuín

Anxo Abuín foi profesor nas universidades de Colorado (Boulder), Borgoña (Dijon) e Vigo. Actualmente, é profesor de Literatura Comparada na Universidade de Santiago de Compostela. Os seus campos de investigación son a teoría da intermedialidade (relacións entre o teatro, o cinema e as novas tecnoloxías) e os estudos culturais. Participou en diversos proxectos de investigación, como a Historia comparada de las literaturas en la Península Ibérica, cuxos resultados se viron publicados en 2010 e 2016 (John Benjamins, Amsterdam). Premio Valle-Inclán de Investigación (2009) polo ensaio La palabra en los ojos o el alfabeto del movimiento: Valle-Inclán desde la estética del silencio. É autor de libros como El narrador en el teatro. La mediación como procedimiento en el discurso teatral del siglo XX (1997), Teatro, cerimonia e xogo (2002); Bases metodolóxicas para unha historia comparada das literaturas da Península Ibérica (2004), Teoría del hipertexto (2006), Escenarios del caos. Entre la hipertextualidad y la performance en la era electrónica (2006), O teatro no cinema. Estudo dunha relación intermedial (2013), Textualidades interliterarias (2021) e Fuera del escenario (2021). 

Biografía de Xosé Nogueira

Xosé Nogueira é doutor en Historia da Arte (Historia do Cinema) e profesor titular do Departamento de Historia da Arte da USC, dentro Seminario de Historia do Cinema e Outras Artes Audiovisuais. Membro do Centro de Estudos Fílmicos da USC (CEFILMUS) de HISPANÍSTICA XX, Centre d’Etudes et de Recherches Hispaniques du XXème siécle (Université de Bourgogne) e mais do Proxecto Performa, no que traballa sobre a performatividade no relato audiovisual, as mutacións e hibridacións na arte e a disolución das fronteiras na cultura (audio)visual contemporánea nos seus diferentes soportes. Dirixiu os cursos da Universidade de Verán da USC “Cine e Nación” (2006) e “Televisión e Ficción I, II, III” (2007-2009). A súas liñas preferentes de investigación atenden a catro grandes bloques: a historia do cinema galego e español; as conexións entre historia e cinema; a natureza da imaxe audiovisual contemporánea; e as relacións entre o cinema e as demais artes. Foi profesor convidado nas Universidades de Oviedo, Bourgogne e Toulouse-Jean Jaurès. Colaborador en diversas publicacións especializadas no ámbito das artes e do audiovisual, é autor de O cine en Galicia (1997).