Imaxinarios e narrativas migrantes nas fronteiras | Faladoiros arredor de CARNE y ARENA

CARNE y ARENA pon a proba os nosos sentidos e trasládanos durante uns intres, incluso a partir de sensacións físicas, á viaxe das persoas migrantes da fronteira entre México e os Estados Unidos. Que sentimentos espertou en ti esta instalación? Serven estas experiencias sensoriais para achegarnos a realidades sociais afastadas do noso día a día e empatizar coa relidade das persoas migrantes? Quedaches con ganas de profundar máis no están a supoñer hoxe en día as viaxes migratorias, os espazos fronteirizos e os procesos de refuxio e asilo?

Neste faladoiro convidamos á conversa a dúas grandes coñecedoras dos procesos de migración, asilo e dos espazos fronteira no contexto do Estado español. Por unha banda a catedrática de Socioloxía Laura Oso, coordinadora do Equipo de Investigación Sociedades en Movimiento (ESOMI) da Universidade da Coruña e directora adxunta do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). Ten ampla experiencia investigadora en migracións internacionais, con enfoque de xénero, así como no vencello entre os movementos de poboación e o desenvolvemento. Foi ademais consultora de organizacións internacionais como a OCDE, a Unión Europea, ou INSTRAW-ONU.

Estará acompañada da cineasta e investigadora Keina Espiñeira, integrante do ESOMI e especialista na análise de políticas e tecnoloxías nos eidos de fronteira-migración-asilo na Unión Europea, cun traballo empírico baseado no Mediterráneo occidental. As dúas conversarán sobre temas como a construción social e política da imaxe da persoa emigrante/inmigrante en España desde mediados do século XX ata a actualidade e das transformacións da fronteira hispano-marroquí, analizada a partir das narrativas migrantes da experiencia do cruce e da espera. 

Biografía de Laura Oso

Laura Oso é catedrática de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde coordina o ESOMI-Equipo de Investigación Sociedades en Movimento. É directora adxunta do CISPAC-Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, vicepresidenta para actividades internacionais da Federación Española de Sociología (FES) e integrante do Comité Executivo da International Sociological Association (ISA). Foi consultora de diversas organizacións internacionais (OCDE, Unión Europea, INSTRAW-ONU). O seu traballo de investigación estivo orientado, fundamentalmente, ao estudo das migracións internacionais, con enfoque de xénero, así como á vinculación entre os movementos de poboación e o desenvolvemento. Neste tema, coordinou numerosos proxectos de investigación do Plan Nacional e da Xunta de Galicia, participando, como investigadora principal para a UDC, en proxectos europeos competitivos (CareWell, Welcoming Spaces, INCASI, Equal Convive Mais).

Biografía de Keina Espiñeira

Keina Espiñeira é investigadora asociada do Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, traballando no proxecto Horizonte 2020: Welcoming Spaces, que analiza os factores facilitadores para a realización de espazos de acollida en medio rural. Doutora en Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid (2016), e Máster en Cine Documental Experimental (Universidade de Alcalá, 2014). As súas principais liñas de traballo céntranse no estudo das políticas e tecnoloxías fronteira-migración-asilo na Unión Europea. O seu traballo empírico está baseado no Mediterráneo occidental, cunha ampla experiencia en España e Marrocos. Foi investigadora visitante nas universidades de Harvard e Berkeley nos Estados Unidos, no Nijmegen Centre for Border Research nos Países Baixos, e nas universidades Cadi Ayyad de Marrakech e Abdelmalek Essaâdi de Tánxer.

 
Visitar
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
30 nov 2023 a 28 Abr 2024
Martes ás 17.00 horas
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2