II Torneo Nacional de Debate

A Cidade da Cultura de Galicia acolle por segundo ano consecutivo o Torneo Nacional de Debate, no que ata un máximo de 24 equipos procedentes de toda España amosarán o seu dominio da arte da palabra.

O Gaiás ofrécese así como escenario onde impulsar a cultura da oratoria e da retórica a través dunha batalla dialéctica que reunirá durante tres días aos mellores ao redor dun gran debate intelectual. Como novidade desta segunda edición, o debate non está destinado unicamente a universitarios, senón que a convocatoria está aberta a todo aquel que queira demostrar as súas dotes na arte da oratoria.

Xunto a eles, a Cidade da Cultura contará coa presenza de xuíces de recoñecido prestixio e ampla experiencia na arte da dialéctica, que decidirán que equipo domina mellor a arte da oratoria e a retórica, así como talento para a investigación, documentación e traballo en equipo. 

Durante a xornada do venres 28 e o sábado 29, os equipos enfrontaranse nas fases preliminares ao redor dun tema elixido pola organización e non coñecerán a postura a defender ata minutos antes da súa intervención. 

A gran final terá lugar o domingo 30 de marzo na Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, de onde sairá o gran gañador.

O acceso dos espectadores a cada un dos debates será libre e de balde, incluído o debate final.