Galiverso dos Museos

O proxecto do Galiverso estrea unha nova experiencia de realidade virtual no Museo Centro Gaiás: o Galiverso dos Museos.

Esta nova montaxe permite entrar nunha versión virtual dos once museos xestionados pola Xunta de Galicia nas catro provincias galegas, e desde este escenario virtual, observar e interactuar con algunhas das pezas máis destacadas que conservan. Entre elas, a escultura do cabaleiro de Beade (século XVII) do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o torques do Castro de Viladonga, ou o primeiro astrolabio atopado en Galicia (datado entre os séculos XVI e XVII) conservado no Museo do Mar de Galicia. Tamén é posible introducirse dentro da paisaxe pintada por Lugrís no cadro Marina Surrealista, que se exhibe no Museo de Belas Artes da Coruña.

Para entrar no Galiverso é necesario ter como mínimo 8 anos de idade —as nenas e nenos menores de 12 anos de idade deben estar acompañadas/os durante a experiencia dunha persoa adulta responsable— e reservar praza, de balde, no Museo Centro Gaiás ou a través de Ataquilla. A sala do Galiverso está aberta na Cidade da Cultura de martes a venres en horario de tarde de 16.00 a 20.00 horas, así como sábados, domingos e festivos (excepto luns), de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 horas. O acceso péchase media hora antes (14.00h pola mañá e 19.30h pola tarde).

Entrada virtual á Rede de Museos da Xunta

Ao colocar as lentes de realidade virtual, desprégase un mapa onde aparecen localizados os once centros que forman parte da Rede de Museos da Xunta: Centro Galego de Arte Contemporánea CGAC, Museo do viño de Galicia, Museo Pedagóxico de Galicia, Conxunto Etnográfico do Cebreiro, Museo do Castro de Viladonga, Museo Massó, Museo do Mar de Galicia, Museo Etnolóxico de Ribadavia, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e Museo das Peregrinación e de Santiago.

Sobre este mapa, flotando a modo de paraugas, hai unha zona denominada «Galiverso» desde a que se entra nun espazo futurista —vinculado ao futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia que se está a construír na Cidade da Cultura— que permite explorar algunhas das tecnoloxías empregadas na creación das diferentes experiencias do Galiverso, como a fotogrametría, o son espacial ou a intelixencia artificial.

O Galiverso máis inclusivo

Ademais de manipular de maneira virtual as réplicas dixitais dos obxectos, o Galiverso dos Museos incorpora a característica da persistencia na contorna virtual, de maneira que será posible deixar a pegada da propia man no Galiverso, a través do apartado «Persistencia» na sección Galiverso do mapa, do mesmo xeito que facían os nosos ancestros nas covas rupestres.

Para aquelas persoas con dificultades de visión e auditivas, o Galiverso dos Museos emprega tecnoloxías e dispositivos que lles permiten acceder á experiencia dunha maneira adaptada. Neste sentido, a sala inclúe unha zona táctil na que poder «ver coas mans» réplicas impresas en 3D de catro dos obxectos pertencentes aos museos e que foron recreadas tamén na experiencia virtual. Unha aplicación deseñada pola Universidade de Vigo explica ás usuarias e usuarios o funcionamento deste espazo, no que tamén haberá auriculares de vía ósea e de bucle magnético para que as persoas con dificultades auditivas poidan escoitar as instrucións.

Anish Kapoor e o negro máis negro

En 2014 anunciouse o invento do "negro máis negro do mundo", o Vantablack, un recubrimento de nanotubos de carbono que chega a absorber o 99,97% da luz visible. Este baixísimo albedo, é dicir, a pouquísima radiación lumínica que reflicte, fai que os produtos recubertos con este composto aparezan á vista completamente mates, sen textura, formas ou matices, como un profundo buraco negro.

Non se trata dunha simple pintura. A súa aplicación é moi complexa e as súas características fano especialmente adecuado para usos militares e científicos.

Pouco despois da súa creación, o escultor británico nado na India, Anish Kapoor, fíxose cos dereitos exclusivos de uso deste composto para finalidade artística, algo que incomodou á comunidade creativa.

Como reacción, o artista e creador de pigmentos, Stuart Semple, creou o Black 2.0, o negro máis negro e máis mate do mundo baseado en pigmentos. Trátase dunha verdadeira pintura alcanzable e accesible a todo o mundo expcepto a Anish Kapoor. Ao comprar este pigmento hai que declarar e confirmar nun aviso legal que non é para uso de Anish Kapoor.

Tanto as pezas desta composición como o fondo foron pintadas con Black 2.0 para atenuar as súas formas e achegar ao público a percepción da baixa visión. Na actualidade está xa dispoñible a versión Black 4.0, que promete un albedo aínda máis reducido e un acabado máis mate e próximo ao Vantablack.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h