Experimentia de outono 2023 | Espazo lúdico ao redor das artes

Experimentia converte este outono o Museo Gaiás nun laboratorio onde o artístico e o científico se mesturan, nun espazo lúdico para que a cativada argalle libremente arredor da arte e experimente coa luz, a sombra, os volumes, as palabras, as cores e ata as pedras.

Esta programación didáctica concíbese como un espazo creativo e de descubrimento autónomo, onde se combinan a experimentación e o xogo libre con outras propostas dirixidas, nas que a cativada poderá desde construír unha cámara estenopeica, a investigar con láseres e espellos, pescudar o que os petróglifos nos contan dos nosos antergos ou elaborar o seu propio diario de viaxes. Todas as propostas artéllanse arredor das exposicións do Museo Gaiás como fío condutor, poñendo o foco na ecoloxía e o coñecemento da biodiversidade galega como fío transversal.

Encadrado no programa Corresponsables no Gaiás o espazo Experimentia brinda ademais un lugar de conciliación para as familias que o precisen durante as tardes de outubro e novembro. Destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, as sesións están concibidas de xeito independente, podendo asistir os días que o desexen e no horario que prefiran —entre 15.30 e 20.00 horas—.

Luz / Sombra / Auga / Terra | Sesións arredor de «Nicolás Muller. Vento Norte»

— Datas: 17-21 e 24-28 de outubro de 2023

A partir do traballo do fotógrafo Nicolás Muller e os seus encadres en branco e negro, experimentaremos arredor da luz e da sombra, de proxeccións e volumes. Pero tamén investigaremos sobre a refracción, a cámara escura, ou o ceo nocturno. Afondaremos nas paisaxes e nas xentes retratadas por Muller para traballar sobre a terra e a auga tanto en propostas científicas como artísticas e sempre enfocadas ao goce do propio proceso creativo.

Palabras / Pedras / Verde / Viaxar | Sesións arredor de «Luz na Terra»

— Datas: 7-11 e 14-18 de novembro de 2023

Partindo da aspiración do Seminario de Estudos Galegos de saber Galicia, de estudar a nosa terra coas ferramentas da ciencia e a experimentación, converterémonos en investigadores para descubrir as nosas Pedras (petróglifos, dólmens, minerais...) e profundar nas nosas Palabras (as letras, as liñas, os trazos, os topónimos, as palabras ocultas ou esquecidas da nosa tradición oral). Converterémonos en xeólogas e astrónomos, en biólogos e viaxeiras, e exploraremos os arredores do Museo Centro Gaiás para facer o noso caderno de campo ou descubrir as especies de plantas e animais que alí viven.

Corresponsables no Gaiás

Estas actividades encádranse no Plan Corresponsables posto en marcha pola Xunta de Galicia para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica, a través do convenio asinado entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Secretaría Xeral de Igualdade co financiamento do Ministerio de Igualdade.

 
En familia
 
8 de xuño de 2024
Ás 11.30 e ás 12.00 horas