O EAN — Encontro de Artes Novas Cidade da Cultura converte o Gaiás nun espazo de convivencia, intercambio e retroalimentación entre artistas, investigadores, investigadoras e profesionais do sector cultural. Durante catro días —do 1 ao 4 de setembro—, as persoas participantes comparten procesos de traballo, metodoloxías e preguntas ao redor da práctica artística contemporánea nun contexto que favorece a escoita, a interlocución e a reflexión colectiva.
Coa dirección de Chus Martínez, o programa do EAN 2026 artéllase a través da presentación pública de proxectos, de conversas con artistas e de espazos de traballo compartido. Estes formatos están pensados para activar relacións entre prácticas diversas e para abrir contextos de aprendizaxe mutua entre artistas emerxentes e tamén figuras consolidadas como Sonia Fernández Pan, Pablo Sanguinetti, Laura Tabarés, Jacobo Bugarín, ou a dupla artística Clo-Plas, integrada por Xiana Arias e Berio Molina. O programa do EAN inclúe ademais un encontro para coñecer experiencias e prácticas desenvolvidas en MediaLab Matadero, como espazo de referencia na creación contemporánea actual.

Intersección entre arte e tecnoloxía
Esta edición propón especial atención ás prácticas situadas na intersección entre arte e tecnoloxía, co convencemento de que, nun contexto en constante transformación, as artes novas emerxen precisamente desa capacidade de experimentar, de compartir coñecemento e de construír redes que permitan imaxinar outras maneiras pensar a arte contemporánea, crear, producir e relacionarnos.
No marco do Encontro de Artes Novas presentarase ademais a Residencia Artística EAN, á que poderán concorrer as persoas participantes nesta edición e que contará cunha dotación de 12.000 euros, unha estancia de traballo de tres meses no Gaiás, acompañamento e recursos para o desenvolvemento dun proxecto artístico no ámbito da arte e a tecnoloxía.
Como participar

A convocatoria do Encontro de Artes Novas é aberta e está dirixida a persoas e colectivos que desenvolven unha práctica artística contemporánea, independentemente da súa formación, sempre que a documentación presentada permita valorar a existencia dunha obra, unha liña de investigación ou un proxecto creativo en proceso de desenvolvemento, consolidación ou reformulación.
Para enviar a túa candidatura, consulta as bases da convocatoria e envía toda a documentación requirida antes das 23:59 horas do xoves 21 de maio de 2026. A solicitude, así como calquera consulta sobre o procedemento, deberá canalizarse a través do enderezo electrónico que figura nas bases.
>> Consultar AQUÍ as bases de participación | Descargar AQUÍ o boletín de inscrición <<
Programa do EAN 2026
DERIVAS | Espazo no que as persoas participantes presentan os seus procesos de investigación, creación ou produción artística a través dunha intervención breve: unhas sesións de apertura e posta en común nos que os proxectos se presentan como procesos en curso, permitindo compartir metodoloxías, referencias e contextos de traballo.
PRÁCTICAS COMPARTIDAS | Encontros con artistas, investigadores, investigadoras e profesionais que comparten as súas metodoloxías e contextos de traballo: un espazo para coñecer diferentes formas de traballar, investigar e producir no campo da arte actual.
|
Clo Plas | Xiana Arias + Berio Molina O noso traballo xorde da oralidade, dese falar que é ao tempo íntimo e estraño, e que transporta todo o peso do lugar ao que pertencemos, sempre baixo a complicidade que supón compartir uns xestos, uns tics, uns fonemas, unha prosodia. Coma se con eses pequenos matices sonoros, ou co cativo movemento da man ao tirar dun fío e desfacer un ‘xarsé’, nos falásemos sen dicírnolo: dos medos da nosa comunidade, dos nosos valores, da nosa forma de organizarnos, de como nos divertimos |
![]() |
|
Sonia Fernández Pan Escribe, fai podcasts, exposicións e ten debilidade polas formas e as maneiras. Guiada pola intuición e as conversas informais, busca conexións inesperadas entre as cousas e sentido na desorientación. Na serie de podcasts The Tale and The Tongue co IAGN HGK Basel FHNW e no seu arquivo persoal esnorquel traballa coa dimensión vital e falada do pensamento. Foi cocomisaria de You Got To Get In To Get Out, un proxecto con La Casa Encendida que buscaba momentos de complicidade entre o techno e a arte grazas a unha exposición, un libro, unha radio de música e un ciclo de concertos e performances. |
![]() |
|
Pablo Sanguinetti Escritor, profesor e investigador en Filosofía da Tecnoloxía, especializado na intersección entre tecnoloxía, humanidades e creatividade. É doutor en Comunicación cunha tese sobre as narrativas culturais da intelixencia artificial e o seu impacto no discurso público, uso e gobernanza. Sanguinetti é autor do libro de ensaio Tecnohumanismo. Por un diseño narrativo y estético de la inteligencia artificial e de numerosos artigos académicos e divulgativos sobre o tema. Tamén participa habitualmente en conferencias neste ámbito. |
![]() |
ENSAMBLAXES | Sesión de traballo colectivo orientada á exploración das relacións entre práctica artística, tecnoloxía e contextos de produción contemporáneos: unha reflexión compartida ao redor das formas de traballar, investigar e producir arte en relación coa tecnoloxía.
|
Laura Tabarés Arte con novos medios e produción cultural situada. Desenvolve a súa práctica no new media (videoarte machinima, narrativas transmedia, conferencias audiovisuais) e na produción de laboratorios e proxectos educativos e culturais situados, articulando procesos participativos e de cocreación artística. A partir do folclore da internet, a sensibilidade do trauma e a ficción especulativa, aborda temas relacionados coas tecnoloxías, os saberes feminizados e o soño de futuros periféricos. |
![]() |
|
Jacobo Bugarín Arquitecto, artista e docente, o seu traballo propón unha lectura crítica do territorio e as súas representacións, artellando proxectos que operan entre o visual, o espacial e o discursivo. Presentou o seu traballo en institucións como LABoral Centro de Arte, Centro Niemeyer, CGAC ou MARCO, e a súa obra forma parte de coleccións públicas e privadas, e foi recoñecida con bolsas e premios de institucións como INJUVE, LABoral Centro de Arte, Auditorio de Galicia, Principado de Asturias, o MAC da Coruña ou o Goberno da Rioxa. |
![]() |
COMÚNS | Un espazo de conversa horizontal con persoas mentoras, profesionais e espazos de exhibición e creación: un lugar para compartir experiencias, formular preguntas e abrir posibles relacións de colaboración entre artistas e axentes culturais.
|
Medialab Matadero Situado nun espazo cultural único, o centro de creación contemporánea Matadero Madrid, Medialab Matadero é unha plataforma institucional de investigación, creación e produción experimental impulsada pola dinámica do procomún. É un lugar que fomenta a participación da comunidade e o compromiso cívico a través das ferramentas e o talento de artistas, pensadores críticos, deseñadores e científicos, así como entre diferentes disciplinas, institucións, organizacións e industrias. |
![]() |
.
| 975.72 KB | ||
| 834.41 KB |







