Día da Biblioteca 2020 | Visita guiada e agasallo de libros

Sabías que todo canto se publica en galego, por autoras e autores galegos ou sobre Galicia, se conserva na Biblioteca de Galicia? Coñecías que neste edificio se gardan o legado cultural de Isaac Díaz Pardo (16.000 volumes con especial protagonismo da intelectualidade galega exiliada); obras e gravados de Luis Seoane; a biblioteca de Basilio Losada e a da Fundación Carlos Casares (máis de 6.000 publicacións) ou a máis completa cartografía da nosa comunidade?
 
O  número de volumes que, a través de doazóns ou depósitos, recibe esta orixinal "Babel" confírelle un grande atractivo. Así, nestas cesións ou legados atópanse fondos de Xesús Alonso Montero ou José Luis Basanta (cunha das coleccións máis importantes do mundo de libros de reloxos),  de Celso Collazo Lema, a biblioteca e Arquivo de Agustín Sixto Seco, de Enrique Curiel, de Luis Losada Espinosa ou da Fundación Cabaleiro Goás.
 
A biblioteca tamén custodia os fondos do Consello da Cultura Galega, do Arquivo da Emigración Galega, do Arquivo Sonoro de Galicia e do Centro de Documentación Sociolingüística.
 
Para gran parte da cidadanía, a Biblioteca de Galicia ubicada na Cidade da Cultura de Galicia é a gran descoñecida, xa que garda moito máis do que deixan ver as súas salas de lectura; con niveis reservados a investigadores/as e técnicos/as, sistemas de almacenamento de fondos con tecnoloxía de última xeración, áreas de seguridade para preservar os exemplares máis valiosos, como incubables, ou os servizos dunha das bibliotecas dixitais máis destacadas de España.
 
O venres 23 de outubro, véspera do Día da Bilblioteca, esta institución descobre os seus segredos nunha visita comentada na que coñecer máis polo miúdo as súas instalacións, incluíndo zonas habitualmente restrinxidas ao público. Será ás 12 horas e con inscrición previa nesta web.
 
Ademais, agasallarase cun libro a todas as persoas que se acheguen á Biblioteca de Galicia a celebrar o seu día.