Concurso infantil de postais | Nadal no Gaiás 2025-2026

Este Nadal, animade os pequenos e as pequenas artistas da casa a sacar o seu lado máis creativo e decorar como máis lles preste o seu globo de Nadal. Rotulador, colaxe, témpera, ceras, tea, acuarela, lá... non hai regras, nin máis fronteira cá da imaxinación! Descargade a nosa proposta de deseño e pasade unha divertida tarde en familia a argallar a vosa postal para felicitar estas festas! As máis orixinais poderán gañar un convite familiar ao espectáculo teatral Tripula, que terá lugar o 28 de decembro de 2025 no Museo Centro Gaiás, ademais dun agasallo consistente nun lote de libros en galego.

Como participar

— Deseña a túa postal empregando a nosa proposta de deseño, ou outra idea que se che ocorra. Espreme ben os miolos!

— Envíanos a túa postal [IMPORTANTE: non esquezas incluír o teu teléfono e enderezo de correo electrónico para que poidamos contactar contigo en caso de que a túa postal sexa premiada!]

  • Por correo postal ao enderezo: Fundación Cidade da Cultura de Galicia (Concurso de postais de Nadal), Edificio CINC (3º andar), Monte Gaiás s/n, 15707 – Santiago de Compostela
  • Depositándoa na caixa do correo do mostrador do Museo Centro Gaiás
  • Enviándoa ao enderezo de correo electrónico online.cdc[@]xunta.gal