Galicia, Ceo das Letras prestará nesta segunda edición especial atención aos pequenos lectores, aos que introducirá no mundo dos grandes autores da nosa literatura dun xeito lúdico e didáctico.
Dirixida a nenos de Primaria –de 6 a 11 anos– co obxectivo de estimular a súa expresividade e introducilos no hábito da lectura, a versión infantil de “Galicia, Ceo das Letras” tratará de que os participantes descubran a vida, época e obra de autores universais a través de tres pasos: “Vexo, Fago, Falo”.
Dúas horas que correrán paralelas á sesión dos adultos nas que os rapaces gozarán dun espectáculo artístico, convertiranse en protagonistas a través de obradoiros, xogos, plástica ou música; e debatirán entre eles sobre todos os coñecementos aprendidos ao longo da sesión.















