Programa da sesión
Marta Ríos, Borxa Ínsua e María Lado darán vida a unha odisea infantil na Cidade da Cultura ideada por Berrobambán.
Nesta sesión de Galicia, Ceo das Letras Infantil iremos descubrindo a James Joyce e as historias de Ulises, protagonista tamén doutra Odisea, a de Homero. Buscaremos, como Ulises, o camiño de volta a casa coa axuda das distintas personaxes desta popular historia, nunha procura do tesouro que nos levará a seguir pistas agochadas ou que nos aportarán as distintas personaxes.
Como en todas as sesións de Ceo das Letras Infantil, nesta aventura a aprendizaxe e a diversión serán a mesma cousa. Mesturaremos a aventura coas actividades lúdicas e educativas, pintando, xogando, disfrazándonos…
O autor: James Joyce
Dublín, 1882 – Zúric, 1941
Sen dúbida un dos literatos con maior relevancia na escrita do século XX. Autor de pezas mestras como Dublineses, Retrato do artista cando novo, ou Finnegan's wake, acadou o seu cumio creativo no monumental Ulises, emblema do modernismo literario a partir do uso do monólogo interior ou fluxo da consciencia.
A súa influencia é palpable na obra de Beckett, Borges, Burroughs e tantos outros. Entre nós, Otero Pedrayo acometeu unha das primeiras traducións dun fragmento do Ulises a unha lingua ibérica.
