Audacia. Festival de artes e emprendemento | Xacobeo 21

Inspiración, casos de éxito, creatividade, formación, ideas de negocio... O Festival de artes e emprendemento Audacia agarda por ti en outubro no Gaiás para unha ampla descuberta de produtos, servizos, convocatorias e iniciativas relacionadas coa creación contemporánea e co emprendemento no eido creativo. Ao longo de dúas xornadas, no festival participarán artistas, persoas emprendedoras, alumnado de centros de ensino do ámbito artístico, así como representantes de museos, galerías de arte, academias, fundacións, universidades e outras institucións culturais neste primeiro gran festival de artes contemporáneas e de emprendemento de Galicia, que se inscribe na programación do Xacobeo 2021.

Audacia confórmase así como un espazo de intercambio no que descubrir ideas e procesos de traballo que poñen en valor a ousadía e o risco. E tamén no que artistas e profesionais interesados e interesadas no ámbito do emprendemento, da formación, da empresa ou da economía  poidan establecer relacións que confirmen e consoliden a utilidade das artes como actividade económica.

Se che interesa a creación contemporánea, ou procuras unha saída profesional arredor deste ámbito, non perdas detalle do programa, enteiramente de balde, que poderás gozar no Gaiás os días 18 e 19 de outubro:

                                                           CATRO SECCIÓNS

1. AUDACIA INSPIRA. CHARLAS E CASOS DE ÉXITO: coñece dez experiencias inspiradoras de artistas de diferentes eidos que nos falarán da súa traxectoria, desde os seus procesos creativos, os comezos no mundo profesional, ou a superación de obstáculos e problemas. Podes consultar aquí o programa completo do evento coas e cos relatores.

2. AUDACIA EMPRENDE. FORMACIÓN E CONSULTORÍA: Concibido e deseñado para empredendores artísticos, este espazo ofrece a oportunidade de validar unha idea de negocio con especialistas na materia e tamén de recibir unha formación express especificamente centrada en artes e o emprendemento. Podes consultar aquí  o programa polo miúdo.

3. AUDACIA MÚSICA: Unha actuación musical ou artística pechará cada unha das xornadas do evento. Serán experiencias de éxito e especialmente inspiradoras, baseadas en creacións artísticas arriscadas.

4. ESPAZO EXPOSITIVO: Área de stands. Aberto actualmente o prazo para solicitar a túa participación como expositor! Consulta a guía do expositor e apúntate cumprimentando este formulario online. Poden participar expositores dos seguintes tipos:

  1. Expositores institucionais: premios, concursos, axudas e convocatorias da Administración relacionadas directamente coas artes, empresas culturais e o emprendemento creativo.
  • Expositores académicos e outros: centros de formación, conservatorios, institutos e outros centros de ensinanzas artísticas musicais e dramáticas, centros de coworking, etc.
  • Expositores emprendedores. Persoas emprendedoras do ámbito creativo que poderán amosar os seus produtos e servizos ao público.
  • Showroom empresas convidadas: espazos abertos onde os deseñadores ou fabricantes convidados expoñen o proceso creativo aplicado ás súas novas coleccións ou traballos co obxecto de mostrar o vínculo real entre estudos artísticos e emprego aplicado á industria, ao consumo ou á cultura.

[*Foto do cartaz de Audacia: Companhia RADAR 360º, Matosinhos, PT]

                                              PROGRAMA DOS DÍAS 18 E 19

VENRES 18 DE OUTUBRO

AUDACIA INSPIRA: [ENTRADA LIBRE ATA COMPLETAR CAPACIDADE]

  • 11:00h Escollendo sempre o camiño máis difícil | Coñecendo a Oliver Laxe, o primeiro director que consegue que un filme en galego sexa seleccionado e premiado no Festival de Cannes (Francia).
  • 12:30h Tecnoloxía e arte | Coñecendo a Daniel Canogar, un dos artistas españois de vangarda con maior proxección internacional con obras no Raíña Sofía, el Museo de Historia Natural de Nova York ou no Museo de Arte Contemporánea de Lyon.
  • 16:00h Esqueletos de Stop motion | Coñecendo a Sonia Iglesias, a model maker  da animación que traballou con Tim Burton.
  • 17:30h Audiovisual: guionizado e dirección de series | Coñecendo a Carlos Sedes, o director da serie Fariña e o primeiro director español en traballar para Netflix.
  • 19:00h Dispara. Traballando arredor da cultura fotográfica desde a periferia | Coñecendo a Tono Arias, fotógrafo creador do primeiro arquivo online de imaxes especializado en Galicia.

AUDACIA EMPRENDE: FORMACIÓN EXPRESS [PRAZAS LIMITADAS NECESARIA INSCRICIÓN PREVIA]
  • 11:00h A Colectiva, Asociación profesional de artistas de Galicia. A realidade do profesional artístico: Situación, contexto e boas prácticas | Iria Vázquez, artista multidisciplinar docente e doutora en Belas Artes.
  • 12:30h VEGAP. Sociedade de xestión de dereitos para artistas plásticos | Javier Fuente, responsable do Departamento de Socios da VEGAP, organización sen ánimo de lucro para xestionar de maneira colectiva os dereitos de autor de artistas visuais.
  • 16:00h Novas aplicacións das habilidades artísticas e culturais no contorno dixital | Daniel Cerqueiro, un dos socios de Phottic, colaborador activo en Startup.gal e DesignThinking.gal.
  • 17:30h Artes dixitais. Instagram para artistas | María Yáñez, directora de Vinte e traballa como xornalista e consultora de comunicación para organizacións vencelladas co audiovisual como Portocabo ou a Academia Galega do Audiovisual.
  • 19:00h SGAE. Sociedades de xestión de dereitos para música, audiovisual e teatro | Miguel Dieguez, avogado e director da zona Noroeste da SGAE (Galicia, Asturias e Cantabria).

ENCONTROS CO ALUMNADO [ACTIVIDADE CONCERTADA CON CENTROS ACADÉMICOS]

  • 12:30h Oliver Laxe
  • 16:00h Daniel Canogar
  • 17:30h Uqui Permui

AUDACIA MÚSICA:
  • 20:00h | The Primitals [Entrada libre ata completar capacidade: 200 asistentes]
    Comedia musical con temas orixinais dos Primital Bros e tamén versións e medleys de coñecidos temas que conquistarán a audiencia coa melomanía desbordante destas catro voces nun imprevisible cabaré a capela.


SÁBADO 19 DE OUTUBRO

AUDACIA INSPIRA [ENTRADA LIBRE ATA COMPLETAR CAPACIDADE]:
  • 11:00h Bailarina e creadora | Coñecendo a Janet Novás, a bailarina e creadora contemporánea galega máis internacional.
  • 12:30h Arte urbana feminista: Elas tamén pintan | Coñecendo a 7H Cooperativa Cultural (Clara R. Cordeiro), iniciativa multipremiada no eido cooperativo e tamén na acción cutlural pola igualdade.
  • 16:00h Creatividade e deseño en papel | Coñecendo a Anaquiños de Papel, dúas irmáns que fixeron do seu hobby do origami o seu modo de vida.
  • 17:30h Contando historias con imaxes | Coñecendo a Miguelanxo Prado, un dos primeiros debuxantes galegos de banda deseñada máis internacionais.
  • 19:00h Buscando as formas, deseñando ideas | Coñecendo a Uqui Permui, deseñadora e directora de arte que destaca por proxectos que incitan á colaboración e á activación da esfera pública.

AUDACIA EMPRENDE: FORMACIÓN EXPRESS [PRAZAS LIMITADAS. NECESARIA INSCRICIÓN PREVIA]
  • 11:00h Artes Dixitais. Instagram para artistas | María Yáñez, directora de Vinte e traballa como xornalista e consultora de comunicación para organizacións vencelladas co audiovisual como Portocabo ou a Academia Galega do Audiovisual.
  • 12:30h Ferramentas e metodoloxía para vender servizos a distancia | Daniel Cerqueiro, un dos socios de Phottic, colaborador activo en Startup.gal e DesignThinking.gal.
  • 16:00h Organización e presentación de proxectos para freelancers | Ana Díaz, socia e directora de proxectos de Arela Comunicación Sostible.
  • 17:30h Estratexias e actitudes para creadores e creativos. Cara a un novo mercado | David Barro, xestor cultural cunha ampla traxectoria que vai desde director xerente da Fundación Luis Seoane ao actual posto de director da Fundación DIDAC.
  • 19:00h A arte de coñecerse, coaching para o emprendemento | Cintia Salido, fundadora de Camiñando Coaching, onde acompaña e guía a persoas que queren potenciar os seus talentos e desenvolver as súas habilidades.

AUDACIA MÚSICA:
  • 20.00h | Mercedes mais eu: Janet Novás e Mercedes Peón [Capacidade limitada a 100 prazas. Entrada libre previa retirada de convite no mostrador de información da entrada do Festival, catro horas antes do inicio do espectáculo]
    Espectáculo nacido da colaboración entre a bailarina Janet Novás e a compositora Mercedes Peón no que exploran as relacións particulares que existen e se establecen entre a súa danza e a súa música e mirando cara ao colectivo desde perspectivas e sensibilidades nada arquetípicas.
 
Visitar
 
pdf 290.71 KB
pdf 581.8 KB
pdf 437.78 KB
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
30 nov 2023 a 28 Abr 2024
Martes ás 17.00 horas
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h
6 Abril 2024
Ás 11.30 horas e ás 16.30 horas