Na recta final da exposición As estacións do ano, convidámosvos o xoves 3 de setembro ás 18:00 horas a un diálogo aberto ao redor da arte galega do século XXI, traéndoa á máis absoluta actualidade. Tres artistas sen xeración definida: Berio Molina, Mar Ramón Soriano e Sergio Marey compartirán co público as súas inquedanzas e procesos, tomando como punto de partida as pezas que exhiben na mostra. Para asistir é necesario reservar praza, de maneira gratuíta, na columna dereita da web.
Afondaremos no son da montaña que Berio Molina leva ao interior do Museo en A carda, a cuarza, o bicho e a moura, o fluír do pensamento de Mar Ramón Soriano feito cerámica en Mi cabeza, un manantial y mis ojos e a manta transfronteiriza de memorias e identidades de Sergio Marey, parte do proxecto de instalación e performance Deus te livre.
Canda eles e coa guía de Mónica Alonso, artista e comisaria da exposición, percorreremos os últimos 25 anos de creación artística feita en Galicia, os seus motivos, inquedanzas e manifestacións principais. Das novas tecnoloxías e o mundo urbano que artellaron reflexións sobre a globalización e a cultura do consumo a comezos do século XXI ao xiro cara á tradición, á identidade e ao propio que deron moitos artistas ao redor do ano 2010.
Nos últimos cinco anos vemos un avance cara á complexidade do territorio, onde a paisaxe ocupa un papel central, pensada como atmosfera, sensación... despoboamento. Segue a recuperación de materiais e técnicas tradicionais, e tamén a memoria, os arquivos familiares, a liña xeracional, en particular a feminina (avoas, nais, fillas). A arte deixa de ser un obxecto illado para converterse nun proceso compartido, nunha ferramenta de resistencia e transformación. Unha evolución na que a arte galega non abandona o mundo global para volver ao local, senón que reinterpreta o local desde unha mirada contemporánea e global.

Berio Molina (A Fonsagrada, Lugo, 1979) é artista sonoro, cineasta e doutor en Creación e Investigación en Arte. Participou de diversos colectivos artísticos como o colectivo de performances Flexo (1999-2004), o colectivo de paisaxes sonoras e auralidad aumentada Escoitar.org (2006-2016), o colectivo de creación escénica áIntemperie, Alg-a e do Fato bicéfalo Ohn, entre outros. Xunto a Isaac Cordal administra o selo Netlabel Alg-a, onde se publican traballos de audio experimental, e foi coorganizador do festival de novas tendencias IFI entre os anos 2022 e 2004. Desde 1999, participou en exposicións en lugares tan dispares como Teherán, Saraievo, Lima ou Montevideo. Na actualidade forma con Xiana Arias o dúo Clo Plas e exerce como profesor na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
Mar Ramón Soriano (Valencia, 1993) é doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo e conta cunha interesante traxectoria como artista plástica e visual. Participou no V Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura así como en diversas residencias artísticas tanto en Galicia como en Córdoba, Portugal, Valencia, Alicante e Nova York, entre outras. Ten realizado numerosas exposicións tanto individuais como colectivas en galerías privadas, centros culturais e museos (ARCO Madrid, Museo de Pontevedra, MARCO de Vigo, Auditorio de Galicia, etc.), ademais de recibir o premio Novos Valores do Museo de Pontevedra (2020), o Premio INJUVE para la creación joven (2017) e o primeiro premio Xuventude Crea 2020 na modalidade de artes plásticas.
Sergio Marey (Pol, Lugo, 1997) traballa desde múltiples disciplinas aspectos que tocan á sociedade, en especial aqueles que teñen que ver coa diversidade de xénero e sexual, amosando ao tempo a riqueza cultural de Galicia. En 2020 fundou a galería de arte Solaina, en Lugo, un espazo alternativo para dar visibilidade a novas artistas e colectivos. O seu periplo artísico comezou coa moda e dela saltou a explorar outros campos, creando performance, esculturas e pezas audiovisuais. As súas pezas mostraronse no Museo Reina Sofía, a Cidade da Cultura, a Universidade de Vigo ou o Museo Interactivo da Historia de Lugo, entre outros. Coa obra Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes gañou a XIII Edición dos Premios Auditorio de Galicia en 2023.
Gaiás inspira
Esta actividade encádrase na liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes accións divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.






