Apertura dos espazos verdes do Bosque de Galicia e o Parque do Lago

Os espazos verdes do Bosque de Galicia e o Parque do Lago permanecerán abertos de 8.30h a 23.00h, ofrecendo unha alterativa para a práctica deportiva e os paseos en Santiago de Compostela.

Cunhas 34 Ha de extensión, o Bosque de Galicia alberga máis de once mil árbores autóctonas --como carballos, castiñeiros, bidueiros, espiños, pradairos, abeleiras, érbedos, freixos ou faias--  e conta cunha rede de sendas peonís de máis de cinco quilómetros que favorece o seu uso como lugar para o paseo, o contacto coa natureza e as actividades deportivas ao aire libre. O Bosque de Galicia ofrece ademais zonas de mirador desde as que descubrir desde o alto a cidade de Compostela.

Pola súa banda o Parque do Lago, situado na ladeira do Gaiás próxima ao Viso, comprende unha extensión de máis de 5 Ha --ademais dun lago de case 5.000 metros cadrados--, con áreas de carballeira e outra vexetación e a súa propia rede de sendas peonís.

Pregamos o cumprimento dos horarios e as distancias marcadas pola normativa e informamos de que, segundo as actuais medidas sanitarias, a zona de xogos e lecer infantil permanecerá pechada.

 
Visitar