Museo Centro Gaiás

Chamado a ser un referente arquitectónico do século XXI, o Museo Centro Gaiás é un dos edificios máis singulares e con máis posibilidades de uso da Cidade da Cultura, que aspira a converterse no centro expositivo de referencia de Galicia.

A espectacularidade da súa fachada, os case 43 metros de altura e os seus máis de 16.000 metros cadrados de superficie permítenlle ao Museo Centro Gaiás despregar unha oferta de actividades formativas e de divulgación que o converten nun centro activo e en continua renovación.

O Museo Centro Gaiás conta cunha superficie expositiva de 6.600 metros cadrados, dividida en tres plantas, nas que acolle exposicións temporais de fondo calado e instalacións que pola súa envergadura non poderían exhibirse noutros centros culturais de Galicia.

A cultura, na súa concepción máis ampla e inclusiva, será a protagonista deste espazo que integrará todas as manifestacións artísticas, humanísticas, de creatividade e coñecemento. Sempre en cooperación co tecido cultural e coa rede de museos de Galicia para lograr sinerxías e estreitamento de lazos con institucións internacionais, que permitan afrontar proxectos de coprodución e facilitar toda clase de intercambios que reforcen os vínculos globais da nosa cultura.

Desde xaneiro de 2020, o Museo conta cun servizo de cafetería-restaurante situado no andar 0, a carón do Hall de Tirantes. Este espazo gastronómico está aberto de luns a domingo en horario de 8,00 a 20,00 horas e conta con dúas terrazas, unha exterior e outra interior no hall do propio Museo.

 
Museo Centro Gaiás
Museo Centro Gaiás
Museo Centro Gaiás
Museo Centro Gaiás