A Xunta de Galicia e Afundación inauguran en Vigo a última exposición da retrospectiva 'As miradas de Isaac'

Inauguración 'As miradas de Isaac'
Santiago de Compostela, 22 de Setembro de 2021

A Xunta de Galicia e Afundación inauguraron esta tarde en Vigo a última das exhibicións da mostra As miradas de Isaac. A exposición homenaxe ao impulsor de Sargadelos, do Laboratorio de Formas ou do Museo Carlos Maside chega á cidade olívica tras ser visitada por máis de 30.000 persoas nas súas estancias na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e na sede de Afundación da Coruña.

O acto de inauguración contou coas intervencións do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; do vicepresidente de Afundación, Xosé Carlos Caneiro; de Camilo Díaz Arias de Castro, un dos comisarios da exposición e fillo de Isaac Díaz Pardo, así como do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira.

Román Rodríguez puxo en valor o esforzo narrativo desta “retrospectiva dun dos pensadores e autores máis importantes e vixentes da nosa historia” e destacou entre os aspectos clave do autor “a súa produción poliédrica, o seu afán documentalista, o seu compromiso patriótico, cun exilio forzoso nos tempos máis escuros de Galicia, e o seu traballo por construír unha nova comunidade galega”.

O conselleiro convidou á cidadanía a apreciar de primeira man a herdanza patrimonial dun dos autores fundamentais na concepción da identidade galega” e lembrou as fondas conexións artísticas e afectivas de Díaz Pardo coa cidade de Vigo, o lugar que o viu partir cara a súa emigración a Bos Aires e ao que o vincularían as súas relacións profesionais e de amizade con intelectuais como Valentín Paz Andrade e o Grupo Galaxia.

Pola súa banda, o vicepresidente de Afundación, Xosé Carlos Caneiro, salientou que “con esta exposición, se transcende o mero feito expositivo, dada a diversidade e multitude de elementos amosados e o carácter itinerante da iniciativa nas sedes de Afundación. Díaz Pardo é un símbolo de quen tivemos o privilexio de aprender na nosa entidade en mostras e publicacións que nos enriqueceron a cada paso. Para nós é un privilexio acollermos na nosa Sede Afundación de Vigo As miradas de Isaac e contribuírmos, coa nosa participación neste proxecto, á difusión do coñecemento dunha figura esencial para o noso patrimonio cultural”.

A inauguración contou tamén coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; do director xerente de Afundación, Pedro Otero; da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; da coordinadora da Área Cultural de Afundación, María Teresa Cores, e de Xosé Díaz Arias de Castro, comisario e fillo de Díaz Pardo.

 10 seccións, máis de 500 pezas e unha videoinstalación

Comisariada por Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro, As miradas de Isaac conta en Vigo con máis de 500 pezas entre obras de arte, murais, cerámicas, carteis, publicacións e obxectos persoais que procuran reflectir a inesgotable creatividade de Díaz Pardo, un personaxe imprescindible da cultura galega. A mostra mantén a estrutura en dez seccións coas que se inaugurou na Cidade da Cultura e que afondan en todo o seu periplo vital e profesional.

Asemade, mantén como elemento vertebrador a videoinstalación realizada pola neta de Isaac Díaz Pardo, a fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz. Esta peza audiovisual, realizada en colaboración co realizador Jordi Cussó, está creada a partir de materiais de arquivo, na que se propón un encontro co intelectual e artista, sendo el mesmo quen nos relata en primeira persoa a súa vida e obra. Unha forma radicalmente diferente de reivindicar e lembrar a súa figura, máis acorde coa súa propia visión vangardista, e coa se procura revivir o seu universo e o seu espírito sempre aberto, tanxencial e polifacético.

A mostra poderá ser visitada até o 28 de novembro, de luns a sábados de 17,30 a 20,30 horas con acceso de balde.