Xoves emprendedores: xornadas para aprender do fracaso

Xoves Emprendedores
Santiago de Compostela, 18 de Marzo de 2016

O Centro do Emprendemento do Gaiás, da man de Reverso Comunicación, pon en marcha o programa Xoves Emprendedores. Levántate e anda, unhas charlas nas que aprender do fracaso, comprobando que dunha mala experiencia é posible chegar a un proxecto de éxito.

Xoves Emprendedores arranca con tres xornadas que estarán protagonizadas por recoñecidas figuras da cultura galega como a poeta Yolanda Castaño, a actriz Patricia de Lorenzo, Antón Reixa, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, o arqueólogo José Manuel Costa García ou a poeta Antía Otero. Guiados por Manolo Boquete e a través do humor, a sorna e a ironía, a Sala Eisenman acollerá as súas historias de aprendizaxe, de como asumiron o fracaso como un proceso e como non se apoucaron ante as dificultades e buscaron un camiño para seguir adiante.

O Centro de Emprendemento do Gaiás (CEM) continúa así co obxectivo co que se puxo en marcha en 2013: apoiar a posta en marcha de proxectos creativos e contribuír a que estas iniciativas cheguen a bo porto.

Programa

Xoves Emprendedores arranca o xoves 14 de abril coa charla Emprender é moverse: se non te paras, non hai metas. Nela, a actriz Patricia de Lorenzo, coñecida polo seu traballo na compañía de teatro Chévere; e a poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño contarán os seus proxectos de longo percorrido no ámbito da cultura e darán conta de como estes evolucionaron ao longo do tempo.

A seguinte cita terá lugar o 19 de maio e nesta ocasión o lema será Emprender é equivocarse: é necesario caer para saber andar. A veteranía no emprendemento cultural está personalizado nas figuras de Antón Reixa, filólogo, poeta, músico, guionista, director e presidente da produtora audiovisual Filmanova; e o veterano xornalista Xosé Manuel Pereiro, actual decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e director xunto con Manuel Rivas da revista mensual Luzes.

Entre os dous contarán os múltiples proxectos que puxeron en marcha ao longo da súa dilatada carreira, con sortes distintas, ao tempo que evidenciarán como, a pesar dalgúns fracasos, seguen no centro da creación coas súas iniciativas.

Formato colaborativo

A última sesión será o 9 de xuño baixo o título Emprender é aprender: aprender é errar o tiro e avanzar, para que contaremos con arqueólogo José Manuel Costa García e a poeta e responsable do selo editorial independente Apiario, Antía Otero. Eles serán os encargados de transmitir que entusiasmo e perseveranza son as claves comúns coas que levan a cabo os seus proxectos e coas que traballan para asentalos.

Cada sesión contará cun formato colaborativo, no que o público é parte implicada, participando en todo o momento da charla. Tras ela, o Instituto Galego do Viño, presente no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, ofrecerá aos asistentes unha degustación, creando un ambiente distendido no que poder reflexionar sobre o escoitado e intercambiar experiencias.

Todas as sesións terán lugar na Sala Eisenman da Cidade da Cultura a partir das 19:30 horas. A participación nestas xornadas é totalmente gratuíta, mais é preciso reservar praza a través do correo cem@cidadedacultura.gal ou a través do teléfono 881 99 98 99.