A veteranía no emprendemento cultural será protagonista desta sesión de Xoves Emprendedores a través das figuras de Antón Reixa e Xosé Manuel Pereiro. Ambos os dous iniciaron múltiples proxectos ao longo da súa dilatada carreira, con sortes distintas, e seguen no centro da creación coas súas empresas.
Antón Reixa. Filólogo, poeta, músico, guionista, director e produtor de cinema e televisión. A súa longa traxectoria no ámbito da cultura comezou escribindo poesía desde o Grupo de Comunicación Rompente, e foi letrista e cantante do grupo Os Resentidos. Ademais participou en diversos traballos no campo da videocreación (Leccións de Cousas) e publicou varios libros de poesía (Látego de Algas, Algo raro pasa raro). Desde 1999 é presidente da produtora audiovisual Filmanova, ademais de produtor executivo de cine e televisión. Foi director, guionista e produtor das películas O lapis do carpinteiro e Hotel Tívoli.
Xosé Manuel Pereiro. Licenciado en Periodismo pola Universidade Complutense. Traballou para boa parte dos xornais galegos, en radio (Radio Nacional e Ondas Galicia-SER), e foi guionista e director de programas de TVG e TVE. A maior parte da súa traxectoria profesional desempeñouna en TVE e en El País. Na actualidade ten unha columna semanal en La Opinión de A Coruña e segue a colaborar en El País, e con medios como Público ou Tinta Libre. Promotor de revistas como La Naval ou Bravú, agora e edita e dirixe con Manuel Rivas a revista mensual Luzes. Desde 2008 é decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.








