Emprender é moverse. Con Patricia de Lorenzo e Yolanda Castaño

Patricia de Lorenzo e Yolanda Castaño son mulleres e emprendedoras, que contarán nesta primeira sesión de Xoves Emprendedores os seus proxectos de longo percorrido no ámbito da cultura e como estes evolucionaron ao longo do tempo.

Patricia de Lorenzo. Actriz profesional desde os 19 anos, Patricia de Lorenzo comezou no teatro e na dobraxe. Tamén participou en series de televisión e cine. Desde o ano 2007 dedícase exclusivamente a Chévere, compañía de teatro coa que entrou en contacto no ano 1994 e que no 2014 recibiu o Premio Nacional de Teatro. Actualmente realiza traballos teatrais de diferentes características, entre os que destacan proxectos como Testosterona, I’ll be watching you (Hei estar vixiándote)” e As Fillas Bravas na liña de teatro con perspectiva de xénero ou “Citizen” traballo polo que recibiu varios premios.

Yolanda Castaño. É filóloga e ten estudos audiovisuais, e ademais é activa dinamizadora cultural, que desde 2009 dirixe varios proxectos con poetas galegos e internacionais. Algúns deles son o ciclo de recitais mensuais POETAS DI(N)VERSOS na Coruña, o Festival de Poesía PONTEPOÉTICA en Pontevedra e o Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con barqueira e remador” na illa de San Simón. Á lista súmase en 2015 a programación de palabra expandida O Alfabeto Híbrido, que dirixe para a Fundación Luís Seoane da Coruña. Alén diso, ofrece obradoiros literarios, recitais, videopoesía e outras mostras do seu traballo dentro e fóra do país, por toda Europa e América, ademais de Tunisia, China ou Xapón. Durante anos traballou en televisión e publicou columnas en distintas cabeceiras galegas.  Con máis de 20 anos de traxectoria na poesía galega e desempeñándose nela de xeito profesional, desenvolve multitude de experiencias que mesturan a poesía con outras linguaxes creativas, ben en solitario ou en colaboración con outros artistas.

Modera: Manolo Boquete. Multidiciplinar e polifacético, Manolo Boquete cursou estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela, os que abandonou para introducirse no mundo laboral. Nesa nova etapa frecuentou oficios tan dispares como a informática, o deseño gráfico e a hostalaría. Neses anos, foi colaborador de Radio Obradoiro e participou activamente da escena musical compostelá. Do 2011 ao 2014 foi propietario do Sinnerman's Café, local nocturno da zona de Bertamiráns que pretendía darlle unha canle de expresión aos artistas e músicos locais. Actualmente, combina a creación poética e a promoción da súa faceta de músico e monologuista coa recuperación dos estudos de filoloxía.