Irma Álvarez-Laviada fai visible a terceira Torre Hejduk

A liña Hejduk
Santiago de Compostela, 20 de Marzo de 2017

Unha intervención da artista Irma Álvarez-Laviada (Xixón,1978) inaugurada o xoves á tarde na Cidade da Cultura de Galicia fai visible a terceira Torre Hejduk a través dunha instalación lumínica. Neste proxecto, titulado A liña Hejduk, a creadora emprega liñas de led para debuxar o contorno do espazo baleiro entre as dúas torres construídas. Ao delimitar con luz o perímetro deste oco, emerxe a silueta dunha torre invertida –da mesma proporción que as construídas-, facendo aparecer unha parte do proxecto arquitectónico de John Hejduk que ate o de agora pasaba inadvertida para moitos visitantes.

A liña Hedjuk foi inaugurada o xoves 16 de marzo nun acto no que a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, gabou a “solidez intelectual” do traballo da artista e destacou o “estímulo creativo” e a “capacidade para atraer a ollada dos creadores” das Torres Hejduk, transformadas nun espazo expositivo non convencional que ten acollido propostas de artistas contemporáneos como Pamen Pereira, Ana Soler, Alejandra Sampedro, Félix Fernández ou Sonia Navarro, entre outros. 

Concepto de baleiro

Comisariada por Susana González, a proposta de Álvarez-Laviada, que se poderá visitar ate o 20 de agosto, complétase cunha exposición no interior das torres, na que se explica a investigación sobre a arquitectura de Hejduk que a artista levou a cabo, así como o proceso e a metodoloxía que seguiu. A liña Hejduk inscríbese dentro dos traballos de Álvarez-Laviada en torno ao concepto de baleiro, un recurso artístico constante na súa traxectoria. 

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde cursou estudos de doutoramento, Irma Álvarez-Laviada preséntase como unha das creadoras con maior proxección da escena da arte contemporánea en España. Ao longo da súa carreira ten recibido premios e bolsas tan destacados como a bolsa de Artes Plásticas da Fundación Botín (2016) ou a bolsa de creación da Cité Internationale de París.  Ademais, realizou residencias no Colegio de España en París, na Residencia de Estudiantes de Madrid, na Casa de Velázquez tamén na capital de España ou na Real Academia de España en Roma. A obra desta artista atópase en coleccións institucionais e privadas como a do Ministerio de Cultura, a de Pilar Citoler de Zaragoza ou a da Fundación Masaveu de Oviedo. 

As Torres Hejduk foron deseñadas polo arquitecto norteamericano John Hejduk como un invernadoiro vertical para o parque de Belvís de Santiago. Tras o falecemento de Hejduk, o seu amigo Peter Eisenman decidiu integralas no proxecto da Cidade da Cultura. Deste xeito, se converteron nun dos primeiros elementos en construírse no monte Gaiás. Visibles desde moitos puntos de Compostela, a súa forza visual outorgarlles un carácter icónico, converténdose nun dos símbolos máis representativos da Cidade da Cultura. Desde a súa apertura ao público, as Torres Hejduk acollen propostas de artistas contemporáneos e están conectadas ao Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’, no que os participantes son convidados a participar nun concurso de propostas para intervir nelas.