A Cidade da Cultura ponlle banda sonora a esta fin de semana prefestiva con tres novas citas de Atardecer no Gaiás, o ciclo de música e cine ao aire libre do verán. O Atardecer no Gaiás arrancará o xoves cos galegos Cuerpo Astral, formado por Lúa Gándara (voz), Vanesa Castro (voz) e Iñaki López (música e voz). Cunha posta en escena que combina as artes do teatro e a perfomance, Cuerpo Astral fusiona clásicos tradicionais coas últimas tendencias, desde o latino á copla ou o hip hop.
O venres será o momento de que a praza central da Cidade da Cultura se veña abaixo con Mucho e o seu pop-rock cósmico. A banda formada por ex Sunday Drivers e imprescindibles en calquera gran festival da Península chegan ao Gaiás co seu último traballo, Pidiendo en las puertas del infierno, para facernos bailar.
Para pechar a fin de semana, o sábado terá lugar o segundo e último concerto de todo un clásico do Atardecer no Gaiás: a Orquestra de Cámara Galega. Dirixida por Rogelio Groba, a OCGa interpretará un programa moi especial que levará por título A Constelación de Vivaldi. Como todas as actuacións da OCGa, o concerto terá lugar na Sala Eisenman.
Todas as sesións de Atardecer no Gaiás teñen lugar ás 21:00 horas na praza central. A entrada é libre e de balde.


