A Xunta promove o baile e a música tradicional con Serán'01, que reúne no Gaiás a un milleiro de artistas

Serán'01. Fotos: Manuel G.Vicente
Santiago de Compostela, 08 de Xuño de 2018

Serán'01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional arrancou este venres na Cidade da Cultura, onde reunirá a un milleiro de artistas do noso folclore tradicional en máis de 40 actuacións e espectáculos ao longo da fin de semana. A Xunta de Galicia proponse con este encontro apoiar e pór en valor a nosa cultura popular e de base, promovendo a un tempo a súa salvagarda. Ademais, Serán’01 quere reunir a todo o sector do folclore galego, desde artistas e agrupacións de música, canto e baile tradicional a integrantes de sectores relacionados a nivel artístico, técnico ou artesanal nun evento cultural de primeira orde, onde amosar toda a nosa riqueza etnográfica, folclórica e creatividade tradicional, tanto amadora como profesional.

A apertura do encontro contou coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que na súa intervención presentou Serán'01“como un parasol que resgarde, protexa e, sobre todo, co que se visibilicen as iniciativas que xorden no seo da cultura asociativa de base popular”.

Cultura viva que evoluciona e se enriquece

Destacou o titular de Cultura do Goberno galego que precisamente a cultura de base representa en moitos casos “o primixenio contacto que moitos de nós tivemos co ámbito cultural” incidindo na súa relevancia como “unha cultura viva que soubo evolucionar e adaptarse aos tempos, incluso gañar co transcurso dos anos, e viva tamén polo traballo de preservación e salvagarda que se está a desenvolver ao seu redor”. Román Rodríguez facía así referencia ao traballo desenvolvido tanto polo propio sector como desde o Goberno galego para a declaración do baile galego como Ben de Interese Cultural (BIC), cuxa tramitación, iniciada coa incoación do expediente o pasado mes de abril, se resolverá antes do prazo máximo de previsto para o procedemento –de dous anos–.

O conselleiro incidiu tamén en que Serán'01 é un encontro “que nace para quedar, con vocación de que se consolide no tempo como un piar para afianzar as nosas raíces e salvagardar e poñer en valor o noso patrimonio inmaterial”. O titular de Cultura rematou agradecendo “a todos os representantes do folclore galego polo seu apoio e sensibilidade cara a un sector que vén demostrando un amor incondicional a Galicia e ás nosas tradicións que nos definen como pobo”. 

No acto estiveron tamén presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a xerente da Fundación Centro Galego de Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro; a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira Otero; e o director artístico do Serán_01, o coreógrafo, investigador, intérprete e docente no ámbito da música e a danza tradicional galega, Quique Peón.

Ademais, o acto estivo arroupado coa presenza de músicos, bailadores e directivos pertencentes a agrupacións folclóricas de toda Galicia, así como artesáns ou formadores que participarán neste encontro que desde hoxe a ata o domingo se desenvolve no Museo Centro Gaiás e nunha carpa instalada na Praza Central do recinto cunha programación totalmente de balde.

Unha foliada chea de música e baile

O Serán'01 contará coa presenza de nomes imprescindibles do folk galego como Uxía, Susana Seivane, Budiño, Davide Salvado, Leilía, Ugía Pedreira, Tanxugueiras... Na noite do sábado, todos eles compartirán escenario man a man con grupos históricos do noso folclore así como con informantes –transmisores da nosa cultura tradicional– procedentes de toda a xeografía galega. Este ‘Foliadón’ será nun dos espectáculos centrais: unha xigantesca foliada de cinco horas de festa, música e baile.

Como non podía ser doutro xeito, o baile é protagonista indiscutible do evento, como demostra outro dos seus pratos fortes: o festival folclórico que este mesmo venres congrega sobre o escenario a oito das mellores agrupacións de baile de Galicia, procedentes das catro provincias: Cantigas e Agarimos (Santiago), Eidos (A Coruña), Brincadeira (Santiago), Cántigas e Frores (Lugo), Xacarandaina (A Coruña), O Fiadeiro (Vigo), Castro Floxo (Ourense) e Lembranzas Galegas (Vigo).

Xa na tarde do domingo terá lugar outro man a man musical de excepción, neste caso entre os decanos dos coros históricos: Toxos e Froles (Ferrol) –con máis dun século– e De Ruada (Ourense) –que cumpre este ano o seu centenario– porán o peche de excepción a esta primeira edición do Serán cantando xuntos o Himno Galego na Praza Central do Gaiás.

Celebración do noso patrimonio inmaterial

Este I Encontro Galego de Cultura Popular xorde con vocación de ser un verdadeiro evento social para todo tipo de público, xa sexa parte activa do sector da música e o baile tradicional ou non, contribuíndo a dar a coñecer as nosas artes e patrimonio inmaterial. Deste xeito, o programa do Serán'01 complétase con presentacións e proxeccións e con dous eventos onde o traxe tradicional é protagonista: unha mostra de mantóns de seda e o desfile Sete Varas, un Refaixo, onde da man da asociación etnográfica pontevedresa Sete Espadelas poderán contemplarse traxes tradicionais antigos e reconstrucións fieis á tradición procedentes das distintas comarcas galegas.

Os visitantes poderán tamén achegarse a un recinto feiral con medio cento de stands de todo o sector vinculado á cultura popular: artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións, organización de festivais, empresas de servizos, etc.

Cun espazo para a aprendizaxe de adultos e cativos

O encontro non esquece aos máis pequenos e pequenas, que poderán participar ao longo dos tres días en obradoiros de xogos tradicionais e de fabricación de zocos con materiais de refugallo ou aprender sobre xogos tradicionais. Xa no ámbito musical, a Foliadiña Infantil subirá ao escenario do Museo Centro Gaiás a grupos infantís de baile tradicional de máis dunha vintena de agrupacións e escolas de música das catro provincias galegas.

Por último, o encontro contará tamén cun espazo para a análise e a aprendizaxe profesional, incluíndo tanto conferencias como master classes de baile tradicional galego. Estas sesións formativas estarán especializadas en variedades de diferentes comarcas de Galicia e impartidas por persoas expertas na materia, abordando temas como expresividade e colocación corporal, movemento, puntos, voltas, descanses e coreografías.

Serán'01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional, está organizado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e da Agadic. A asistencia a todas as actividades é de balde e o programa pode consultarse en cidadedacultura.gal.

 
Serán'01. Fotos: Manuel G.Vicente
Serán'01. Fotos: Manuel G.Vicente
Serán'01. Fotos: Manuel G.Vicente
Serán'01. Fotos: Manuel G.Vicente