Serán'01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional

O Serán'01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional reunirá na Cidade da Cultura entre o 8 e o 10 de xuño a todo o sector do folclore galego, desde artistas e agrupacións de música, canto e baile tradicional a integrantes de sectores relacionados a nivel artístico, técnico ou artesanal. O encontro contará con máis de 40 actuacións e ata un milleiro de artistas nun evento cultural de primeira orde, onde se amosará toda a nosa riqueza etnográfica, folclórica e creatividade tradicional, tanto amadora como profesional. O Encontro nace para conmemorar a próxima declaración do baile tradicional galego como Ben de Interese Cultural, procedemento que vén de iniciar a súa tramitación.

[Descarga aquí o programa completo]

O encontro xorde con vocación de ser un verdadeiro evento social dirixido a todo tipo de público, xa sexa parte activa do sector da música e o baile tradicional ou non, contribuíndo tamén a dar a coñecer as nosas artes e patrimonio inmaterial. Ao longo dos tres días, a Cidade da Cultura acollerá múltiples actividades, todas elas de balde e relacionadas coa cultura popular e a danza e a música tradicional. 

Un intenso programa para todos os públicos

Serán'01 inclúe desde espectáculos e actuacións musicais, a contidos formativos, obradoiros infantís, ademais dunha zona de mercado e exposicións ou desfiles de traxes tradicionais. Podes consultar o programa completo no apartado de descargas desta mesma páxina ou ver aquí os contidos máis destacados: 

  • Festival Folclórico no que participarán oito dos mellores grupos de baile tradicional de Galicia [venres 8 de xuño]
  • 'Foliadón', unha gran foliada que ao longo de cinco horas reunirá a centos de artistas sobre o escenario. Na festa actuarán man a man artistas galegos consagrados, grupos de música e baile tradicional e informantes –persoas procedentes de aldeas de toda Galicia, auténticos transmisores da nosa cultura tradicional– [sábado 9 de xuño]
  • Desfile do Traxe 'Sete Varas e un Refaixo', con traxes tradicionais antigos e reconstrucións fieis á tradición procedentes das distintas comarcas galegas. Espectáculo realizado pola asociación Sete Espadelas (Pontevedra) o domingo 10 de xuño ás 11:30 horas no Museo Centro Gaiás.
  • Recinto feiral, con stands de todo o sector vinculado á cultura popular: artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións, organización de festivais, empresas de servizos... etc.
  • Obradoiros infantís de creación de zocas con materiais de reciclaxe e xogos tradicionais e Foliadiña Infantil, coa participación de agrupacións de cativos e cativas de toda Galicia.
  • Espazo de conferencias, debate e formación especializada ao longo dos tres días.
  • Concerto de Coros Históricos decanos de Galicia, coa participación de Toxos e Froles (Ferrol) e De Ruada (Ourense). A actuación, que terá lugar o domingo 10 de xuño ás 17:30 horas poñerá o peche de honra ao gran encontro do folclore galego.
  • Exposición de Mantóns antigos de seda. Podedes marabillarvos con estas pezas, grazas á colaboración de Xacarandaina, na Sala de Tirantes no andar 0 do Museo Centro Gaiás, durante todo o Serán'01. 

Completan o programa proxeccións, presentacións audiovisuais e editoriais e un espazo de xantar.

 
Música & Escena
 
22 de xuño de 2018
21:00 horas
1 de Xullo
De 11 a 14.30 e 16.30 a 20.30h
5 XULLO-18 AGOSTO
21 horas
21 de setembro
21 horas