Unha vintena de artistas galegos crean obras inéditas para a exposición ‘Galicia Futura’

Fotos: Rocío Cibes
Santiago de Compostela, 14 de Xullo de 2021

A Xunta de Galicia apoia a unha vintena de artistas e creadores galegos destinando máis de 200.000 euros á creación de varias obras inéditas, realizadas ex profeso para a exposición Galicia futura, a mostra central deste Xacobeo 21-22 que se poderá ver na Cidade da Cultura a partir do vindeiro mércores 14 de xullo. Os proxectos desenvolvidos inclúen pezas audiovisuais, fotografías, obras plásticas, proxectos literarios ou ilustracións de gran formato.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, tivo a oportunidade esta mañá de conversar con varios dos artistas que participan nesta exposición durante unha vista aos traballos de montaxe no Museo Centro Gaiás. O titular de Cultura do Goberno galego definiu Galicia futura como “un elemento xerador de actividade no sector cultural en Galicia”, remarcando que “no contexto de recuperación que estamos a vivir, estamos ante un proxecto expositivo que promove a creación dun xeito moi notable”.

Así, entre as pezas que poderán verse en Galicia futura inclúense preto dunha vintena de obras realizadas ad hoc para esta exposición por parte de creadores e creadoras galegas entre os que se atopan o cineasta Oliver Laxe, que rodou en exclusiva para a mostra unha peza audiovisual titulada O futuro é das cabras, ou a dramaturga Marta Pazos, que sorprenderá ás persoas visitantes coa instalación inédita Campo de figos. A arte hipertecnolóxica do creador galego afincado en Singapur Rubén Ramos Balsa será outra das protagonistas da mostra, coa obra Travesía, inspirada na paisaxe galega e no Camiño de Santiago.

Galicia futura funcionará deste xeito como unha plataforma para dar a coñecer a creatividade e o talento de Galicia, concibida, en palabras do conselleiro, “como unha exposición que sae máis alá do museo, viva e colectiva, coa participación de artistas e tamén científicos –a través do comité asesor da mostra– que imaxinan o porvir”. Transcende así as paredes do propio Museo Gaiás, xa que ademais de exhibir unha escolma do máis destacado da creación en Galicia nas últimas décadas, abre procesos creativos, contribuíndo á imaxe viva, diversa e colectiva de Galicia que tenta ofrecer.

O diálogo entre diferentes disciplinas artísticas é tamén nexo común a varias das pezas creadas para esta exposición, entre as que poderemos atopar desde un espazo envolvente que mestura vídeo, fotografía e pintura –con tres destacados creadores galegos como son o cineasta Juan Lesta, o fotógrafo Damián Ucieda e o artista plástico Vítor Mejuto– ou unha peza audiovisual que reúne o talento da poeta Estíbaliz Espinosa, a realizadora Lucía Estévez e o físico Carlos Salgado na creación dunha abraiante obra capaz de entretecer a exploración do cosmos coa pintura de Maruja Mallo.

Un mural conceptual realizado por Manuel Vázquez, ilustracións científicas da autoría de Xulia Pisón e Clara Cerviño, ou un mapa conceptual da literatura galega por parte das narradoras María Lado e Lucía Aldao, entre outras pezas, completan as creacións inéditas realizadas para esta mostra.

Diálogo entre arte e ciencia

A exposición propón un suxestivo diálogo entre arte, ciencia, creatividade e tecnoloxía, baixo o comisariado de Miguel Ángel Cajigal e Deborah García Bello, coñecidos nas plataformas dixitais como @elbarroquista e @deborahciencia, dous galegos que nos últimos anos se situaron entre os divulgadores máis dinámicos e recoñecibles no eido artístico e científico.

Con Galicia futura péchase a triloxía de grandes exposicións organizadas pola Xunta de Galicia con motivo do Xacobeo, que comezou con Galicia, un relato no mundo e continuou con Galicia, de Nós a nós para chegar agora a unha mostra que se pregunta como imaxina Galicia o seu propio futuro. Este proxecto quere tomarlle o pulso ao presente para propoñer un percorrido por fitos e ideas innovadoras que xa están a marcar os vieiros do porvir da nosa Comunidade en diferentes campos, explorando un futuro desexado e posible, a partir do traballo que están a desenvolver a día de hoxe diferentes profesionais e grupos de vangarda.

 
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes