Regueifas ou stop motion entre os proxectos presentados no InquEDU para fomentar o uso do galego

Santiago de Compostela, 29 de Maio de 2019

A Consellería de Cultura e Turismo e a Fundación Galicia Sustentable celebran na Cidade da Cultura de Galicia unha nova edición do InquEDU: Falemos de Educación. Ao longo das dúas xornadas do encontro, arredor de 700 rapaces e rapazas, acompañados dos seus docentes, participan neste evento para compartir iniciativas e proxectos innovadores realizados na aula, así como fomentar a convivencia entre os centros educativos, procedentes de diferentes puntos de Galicia.

Así, o Museo Centro Gaiás convértese nun espazo para coñecer diferentes proxectos realizados ao longo do curso que destacasen pola promoción do uso do galego entre o alumnado dos centros de ensino, a través de abordaxes lúdicas e empregando formatos creativos como xogos de creación propia, regueifas, improvisación oral, curtametraxes, sketches ou concursos.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na apertura da xornada, onde destacou “a importancia de iniciativas e foros de encontro coma estes para visibilizar e dar a coñecer os traballos máis innovadores na dinamización da lingua entre a mocidade, nomeadamente aqueles que toman como base os temas e os formatos máis actuais e de interese para que os nosos mozos e mozas aposten polo galego nas súas creatividades, nos seus xogos e nos seus espazos de relación e de lecer”.

Pola súa banda, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, quixo tamén pór de relevo a aposta dos e das docentes  “por unha aprendizaxe lúdica e un modelo educativo innovador e inclusivo, fomentando capacidades transversais do alumnado como a creatividade, a aprendizaxe colaborativa ou o espírito emprendedor, que nós tamén intentamos impulsar desde o Gaiás co noso Centro de Emprendemento e apoiando actividades como InquEDU”, apuntou.

Desde regueifas a ‘stop motion’

O Gaiás acolle hoxe durante todo o día esta xornada de convivencia entre nove centros de ensino de toda Galicia, durante a que os propios rapaces e rapazas soben ao escenario para presentar os seus proxectos. Abriron as presentacións os rapaces e rapazas do IES Maximino Romero de Lema (Baio) que elaboraron un proxecto colaborativo co IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) para dinamizar a improvisación oral entre a xente nova e presentaron ademais o xogo de creación propia Regueifadiviña. A continuación foi a quenda dos alumnos e alumnas do IES Plurilingüe A Cachada (Boiro) para presentar o videoclip Xa non atendo ao meu amigo.

Pola súa banda, o IES Carlos Casares (Vigo) presentou un proxecto de xogos de chan en liña, mentres que os alumnos e alumnos de primaria do CEIP Labarta Pose (Baio) amosaron A mellor sopa do mundo, unha curta realizada coa técnica stop motion baseada no conto do mesmo nome.

Programa ‘21 días co galego e+’

Pola tarde terá lugar unha exhibición de breakdance por parte da asociación cultural e deportiva Vella Escola e unha mostra de pintura urbana a cargo de Joseba Muruzábal, autor dos coñecidos murais xigantes coas ‘super-avoas’ como protagonistas. A programación continuará cun obradoiro didáctico de divulgación, con alta dose de humor, de Vicente Mohedano e cos centros que participaron no programa 21 días co galego e+, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os IES Francisco Daviña Rey (Monforte), Pontepedriña (Santiago), Antón Alonso Ríos (Tomiño) e Ramón Otero Pedrayo (Ourense) subirán ao escenario para representar distintas actividades levadas a cabo no seu centro durante o programa. Desfilarán polo escenario os alumnos e alumnas destes centros mostrando a súa música, divertidos sketches, imitacións, exhibicións deportivas, entrevistas, concursos e ata un curso acelerado de como gravar vídeos rechamantes con efecto croma.

Finalizará a xornada cun show de Turntablism Dj a cargo novamente da asociación cultural e deportiva Vella Escola de Noia.

Impulsar as competencias orais do alumnado

Na primeira xornada do encontro, celebrada onte pola mañá, foi a quenda das presentacións máis valoradas no concurso escolar para impulsar as competencias orais activas ComunicaTedu, promovido pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Os equipos, pertencentes a 7 centros educativos de Galicia, subiron ao escenario de inquEDU para presentar os seus traballos e ser valorados por un xurado que determinou os finalmente premiados. A mañá estivo amenizada con actuacións musicais e unha exhibición de cultura urbana e a entrega de premios contou coa participación da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar.