Preto de 2000 nenos e nenas estréanse como espectadores e críticos de cine no festival ‘Pequefilmes’

Santiago de Compostela, 26 de Xaneiro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu ao festival infantil de curtametraxes Pequefilmes, que reúne esta fin de semana na Cidade da Cultura a preto de 2000 nenos e nenas e promove a cultura audiovisual desde as idades máis novas. Neste festival, subliñou o conselleiro, os máis pequenos da casa son moito máis que espectadores, xa que adoptan o papel de críticos de cine valorando os filmes que se proxectan e estréanse tamén como realizadores en obradoiros pensados para gozar en familia.

A programación de Pequefilmes abrangue todas as etapas da infancia, con tres seccións diferenciadas por idades: Vagalumes –de 0 a 3 anos–, Miñocas –para maiores de 4 anos– e Fanecas –a partir dos 7 e ata os 12 anos de idade–. En total durante os días 26 e 27 de xaneiro realizaranse no Museo Centro Gaiás máis de 150 proxeccións de curtametraxes procedentes de 30 países. Unha ampla escolma de películas con variedade de estilos, temáticas e historias para espertar a curiosidade e o gusto polo audiovisual de calidade entre a cativada.

Catro traballos feitos na nosa comunidade poderán verse na sección a concurso de Pequefilmes, onde compiten por levar algún dos dous premios (Miñocas e Fanecas) que decide o propio público do festival. Vila Pelusa, The magic oven (O forno máxico) –premiado no Festival de Cans 2017– Criaturas caóticas e Paquita –finalista nos Premios Mestre Mateo 2018– son as catro producións galegas que participan nesta edición.

Xunto a elas estará o máis destacado do panorama internacional actual para as audiencias máis miúdas. Moitas das curtametraxes que se proxectan na Cidade da Cultura pasaron, así mesmo, polos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo, como o Annency, Chicago ICFF, Animamundi, Animafesta, Dresdner Kinderfilfest ou Clermont-Ferrand. Este último mantén unha colaboración especial con Pequefilmes, ofrecendo unha selección das mellores curtametraxes exhibidas no prestixioso festival francés.

Primeiros pasos no mundo do cine

Ademais de gozar do mellor cine miúdo, Pequefilmes propón obradoiros para que as familias dean xuntas os seus primeiros pasos na creación cinematográfica. Nestes obradoiros darán vida a personaxes de cartolina cos que realizarán a súa propia curtametraxe, empregando a técnica da animación fotograma a fotograma (stop motion).

Para poder logo ver as súas creacións en pantalla grande, pais, nais e cativada aprenderán a construír un proxector de cine caseiro con materiais reciclados, co que transformarán as súas casas en pequenas salas de cine.

Pequefilmes é unha actividade impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, coa colaboración da empresa audiovisual Cinética e o festival internacional de curtametraxes Clermont-Ferrand.

 
Visita do conselleiro de Cultura ao festival Pequefilmes (Foto: Manuel G. Vicente)
Visita do conselleiro de Cultura ao festival Pequefilmes (Foto: Manuel G. Vicente)
Visita do conselleiro de Cultura ao festival Pequefilmes (Foto: Manuel G. Vicente)