Presentamos 'Retorno Arnoia', videoxogo deseñado polo alumnado da UVigo na primeira residencia artística de creación dixital no Gaiás

Santiago de Compostela, 14 de Xullo de 2022

A Cidade da Cultura acolleu esta mañá a presentación do prototipo de videoxogo Retorno Arnoia, resultado do traballo realizado polo alumnado na Universidade de Vigo na primeira residencia artística enfocada á creación dixital impulsada de maneira conxunta pola Xunta e a institución viguesa. A directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, subliñou a experiencia como pioneira no marco das accións que o Gaiás está a desenvolver para apoiar a creación artística e cultural en Galicia.

Trátase da primeira residencia, explicou a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que integrou perfís diversos, desde o artístico ao tecnolóxico, nun equipo que traballou ao unísono para dar forma a un proxecto cultural tan innovador e esixente como é un videoxogo. O alumnado participante dedicou horas a deseñar, debuxar, animar, programar e sobre todo comprobar e descartar erros nunha estadía intensiva que durou pouco máis de catro fins de semana, pero que lles valeu para mellorar as súas competencias e experimentar de cheo todas as fases de desenvolvemento do xogo.

O froito deste traballo é un videoxogo de plataformas inspirado nun clásico da literatura xuvenil galega, Arnoia, Arnoia, do escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín. Nel, o protagonista ten que superar diferentes obstáculos e inimigos en cada nivel, empregando mecánicas similares a clásicos do xénero como o Super Mario. Na presentación, as alumnas e alumnos fixeron unha demostración comentada en vivo do xogo, aberta tanto ao público asistente ao acto como a toda a audiencia que seguiu a retransmisión en streaming a través da canle de Youtube da Cidade da Cultura.

A presentación contou ademais coa participación da profesora da Universidade de Vigo, Beatriz Legerén Lago, que formou parte do equipo docente que asesorou ao alumnado durante a súa residencia e de Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez, que se implicou desde o comezo nesta actividade e trasladou unhas palabras de agradecemento en nome de Méndez Ferrín por ter elixido a súa obra para o proxecto.

Inspiración nun clásico da literatura galega

Do mesmo xeito que o protagonista da novela, Nmógadah, é apresado pola tribo mineira dos Grou e obrigado a cavar para atopar a Trabe de Ouro dos Profundos, o protagonista do videoxogo debe buscar o seu propio camiño no interior dunha mina na que agardan tesouros e perigos, mentres o xogador vai descubrindo en paralelo as motivacións do protagonista. Escoller entre ir cara arriba ou cara abaixo influirá igualmente na historia que coñecerá durante a súa experiencia de xogo.

Máis aló do resultado final, os nove alumnos e alumnas participantes na residencia COMTECART no Gaiás valoraron especialmente a aprendizaxe en común, a posibilidade de coñecer as dinámicas reais coas que se traballa na industria e a exploración das posibilidades que o sector, un dos máis relevantes dentro das industrias culturais e creativas, lles pode ofrecer para o seu desenvolvemento a nivel profesional.

Para a Cidade da Cultura, esta primeira colaboración coa Universidade de Vigo no ámbito das artes dixitais e os videoxogos, que impulsou o anterior vicerreitor do Campus Universitario de Pontevedra, Jorge Soto, veu ampliar a liña de traballo iniciada xa en 2021 para consolidar o Gaiás como rótula do ecosistema cultural galego. Apoiar o talento e dar visibilidade á creación contemporánea son os dous piares dun programa de residencias artísticas que medra en alcance e ambición, con ao redor de 25 proxectos apoiados en 2022. Precisamente, recordou a directora-xerente da Cidade da Cultura, ata o 8 de agosto está aberto o prazo para participar na convocatoria destas residencias para a segunda metade do ano.

 
(Fotos: Óscar Corral)
(Fotos: Óscar Corral)
(Fotos: Óscar Corral)
(Fotos: Óscar Corral)